Social

A Xunta incentiva as crianzas a "transmitir ánimos" a Policía e Garda Civil

Cartaz do concurso (Xunta).
A Academia Galega de Seguridade Pública convoca un concurso de debuxos para todas as escolares galegas coa finalidade de que "poidan amosar o agradecemento aos corpos e forzas de seguridade". 

A Academia Galega de Seguridade Pública vén de convocar un concurso de debuxos para todas as escolares galegas coa finalidade de que "poidan amosar o agradecemento aos corpos e forzas de seguridade", e que "mediante o debuxo" os nenos e nenas "poidan transmitirlle ánimos tanto á Policía Nacional, Policía Local, Policía Autonómica e Garda Civil", informa a Consellaría de Presidencia da Xunta da Galiza nun comunicado.

"A temática do concurso é completamente libre", explican, "os nenos e nenas poderán plasmar no debuxo o que eles queiran transmitirlle aos axentes e o único requisito é que poñan o cancelo #ConVosEstamosSeguros". 

Poderán participar neste concurso todos os nenos e nenas galegos e haberá categorías segundo o nivel educativo que van desde Educación Infantil até o Bacharelato

O premio en cada unha das categorías é o mesmo: que a gañadora poida facer, xunto ás súas compañeiras de aula, "unha visita guiada á Academia".