As cloacas policiais presentes na Galiza

O ex comisario Villarejo (Imaxe; La Sexta)
Non é un caso illado. Exemplifica o funcionamento do aparato do Estado á marxe de calquera tipo de control político e a súa conivencia co poder económico. Significa a falla de calidade democrática dun réxime que non depurou os corpos de seguridade após a morte do ditador. Como afirmaba Felipe González, o Estado deféndese tamén desde as cloacas.

O pasado dous de xaneiro soubemos que o titular do Xulgado Central de Instrución número 6 da Audiencia Nacional, Manuel García Castellón investigaba o grupo pontevedrés San José. Segundo unha información difundida por Europa Press, a causa contra a empresa presidida por Jacinto Rey facía parte da coñecida como Operación Tandem, unha macrocausa onde aparecían implicadas sociedades como Iberdrola, Mutua Madrileña, Repsol, CaixaBank, Planeta ou BBVA.

Os traballos para o grupo San José

A Operación Tandem tenta aclarar as relacións entre importantes grupos empresariais e o comisario xubilado da Policía Nacional José Manuel Villarejo, actualmente en prisión preventiva acusado de delitos graves. A instrución está formado por 24 pezas separadas, que se corresponden con outros tantos procedementos a significadas sociedades, por traballos que van desde a espionaxe e a intoxicación informativa a terceiros até extorsións, chantaxes e tráfico de influencias.

O xornal EL Confidencial sinalaba as razóns da causa contra San José, na súa edición de 26 de xaneiro. Segundo este diario, o xuíz García Castellón estaba investigando se a mercantil pontevedresa recorreu ao comisario Villarejo para espiar e vixiar as xornalistas de La Voz de Galicia. Na mesma liña, indicaba que “a Unidade de Asuntos Internos da Policía dispón de probas que acreditarían o vínculo entre San José e o comisario, mais tentan agora de determinar o alcance exacto desa relación e as súas posíbeis implicacións penais”.

O pasado 18 de febreiro fíxose pública a imputación do responsábel de seguridade e riscos de San José, Antonio Carpintero, no marco da referida instrución. Así, fontes próximas á causa teñen sinalado que a documentación incautada a Villarejo apuntaba que a empresa presida por Jacinto Rey contactou co comisario para encargarlle traballos de seguimento a xornalistas de La Voz de Galicia, ficando por determinar se estas vixilancias chegaron a realizarse e se o policía, naquela altura aínda en activo, recibiu algún tipo de remuneración por estas tarefas.

As relacións con Rodríguez Cebrián

As relacións de Villarejo co empresariado galego xa eran coñecidas. Sermos Galiza, no seu número de cinco de febreiro de 2018 achegábase aos contactos entre o círculo do comisario e o empresario coruñés Juán Carlos Rodríguez Cebrián. Segundo unha gravación en poder da Fiscalía Anticorrupción, Rodríguez Cebrián teríase dirixido ao policía Enrique Rodríguez Castaño, en palabras do ministerio público membro do “clan policial mafioso de Villarejo” para solicitar información sobre Pablo Isla.

Rodríguez Cebrián, unha das grandes fortunas da Galiza, sobriño político de Amancio Ortega e até febreiro de 2005 director xeral de Inditex contactou con Enrique García Castaño coincidindo co desembarco de Pablo Isla na multinacional téxtil. Así, nunha conversación mantida entre Villarejo e García Castaño en 15 de maio de 2005, pódese escoitar como o segundo lle preguntaba ao primeiro “se había algunha cousa rara, ou algunha cousa sobre a que se poida sacar punta”, de Isla, após indicarlle “que me preguntaron os de Zara”.

As portas xiratorias entre mandos da policía e a grande empresa son moi habituais, sendo o diálogo entre os dous axentes un exemplo significativo disto. García Castaño, que se gababa da súa amizade con Rodríguez Cebrián e se ofreceu a organizar unha cita a Villarejo con este, recoñeceu que “non había nada” sobre Isla, para manifestar posteriormente que o xefe de seguridade de Inditex, Gustavo Iribarren era un antigo policía do barrio de Tetuán, en Madrid, “coñecía a Juán Carlos, o sobriño, e díxolle vente comigo”.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.