A Xunta busca adaptar a renda de inclusión galega ao ingreso mínimo, mais non avanza se serán compatíbeis

O cobro da Risga e do ingreso mínimo son incompatíbeis na Galiza (Foto: Arxina).
O Goberno galego inicia o proceso de reforma da Lei galega de inclusión de 2013 co fin de adaptar a renda galega de integración ao ingreso mínimo aprobado polo Estado. Faino máis dun ano despois, tras reclamar cobros simultáneos indebidos, e sen garantir aínda a súa compatibilidade na nova norma.

A Xunta da Galiza avanzou a semana pasada o trámite inicial da nova Lei de inclusión social, unha reforma que entidades sociais e sindicais, ademais da oposición parlamentaria, veñen reclamando desde a aprobación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) en xuño de 2020.

A posta en marcha desta nova prestación por parte do Goberno do Estado veu acompañada da declaración de compatibilidade deste ingreso con outros que as familias con menos recursos puideran estar a percibir: ingresos laborais ou axudas sociais de carácter finalista, como bolsas de estudos, axudas de emerxencia ou de acceso a vivenda.

Segundo o estabelecido polos ministerios de Dereitos Sociais e Inclusión, o IMV vai dirixido "non só a persoas sen ningún ingreso ou a persoas desempregadas, senón tamén a persoas e fogares con baixos ingresos e empregos precarios". Neste sentido, tamén aclararon que o IMV estaba pensado para ser compatíbel coas rendas mínimas e de integración social que manteñen os distintos territorios desde hai anos. Mais esta garantía recollida na normativa estatal colidiu, de cheo, con algunha regulación autonómica que facía ambas as dúas prestacións incompatíbeis.

Dúas prestacións excluíntes

É o caso da lexislación galega de inclusión de 2013, que fai imposíbel o cobro simultáneo do IMV e da Renda de Inclusión Social (Risga), implantada en 1991. Malia a evidencia inicial, o Goberno galego adiou calquera modificación da norma para facilitar a solicitude conxunta das dúas achegas e evitar o prexuízo das potenciais beneficiarias.

A diferenza dos trámites iniciados por outros Gobernos na mesma situación, como o canario e valenciano, para ampliar as garantías das familias máis vulnerábeis deses territorios, a Xunta obviou calquera reforma lexislativa urxente. Esta parálise derivou numerosas solicitudes cara o IMV, como estabelece a Lei galega de inclusión, sen resposta ou cunha demora insoportábel, nestes meses, para a maioría das familias que aspiran a esta prestación.

Máis tamén orixinou miles de cobros incompatíbeis que a Consellaría de Política Social chegou a reclamar ás persoas beneficiarias. En concreto, solicitou por escrito a devolución da Risga a todas aquelas persoas sen recursos que cobraron esta prestación á que tiñan dereito mentres tramitaban o IMV, concedido e aboado con meses de atraso.

Consulta aberta 

Após 15 meses desde a aprobación do IMV, o Goberno galego inicia agora o proceso de reforma co fin de "reordenar o mapa de axudas contra a pobreza da Galiza e adaptalo ao novo escenario xurdido tras a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital".

A revisión da lei de 2013 ponse en marcha cun proceso de consulta pública que finaliza o 14 de outubro. A Administración abre a porta a achegas e suxestións que contribúan á adaptación da Risga ao IMV mais tamén a "melloras da na xestión da renda galega e das axudas de inclusión social".

Segundo recolle a consulta aberta pola Consellaría de Política Social, a aprobación do IMV "obriga a clarificar e achegar seguridade xurídica á coexistencia de prestacións cuxos obxectos de concesión son, en moitos casos, concorrentes". Ademais, sinala a necesidade de " evitar duplicidades e facilitar a súa complementación no marco da garantía de ingresos", mais non adianta se prevé facelas compatíbeis ou non.

Desde o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza (Ceesg) salientan a necesidade de ampliar as garantías sociais das persoas sen recursos e de compaxinar ambas as dúas prestacións, ao entender que nin o IMV nin a Risga cobren todas as necesidades das familias de especial consideración, deixando fóra a outras moitas.
"Sabemos que a Xunta condonou a débeda adquirida a familias con menores nos casos en que detectou dobre ingreso de Risga e IMV, pero queremos que estenda esa condonación a persoas de especial vulnerabilidade, aínda que non estea recollido na anterior lei", explica a Nós Diario Sonia González, secretaria do Ceesg.

Apunta o caso de familias afectadas pola Covid ou por problemas de saúde mental ás que a Xunta segue a reclamar a devolución da Risga. Será unha das demandas concretas do colectivo, que pide ademais poder conxugar as prestacións galega e estatal. "Hai moitas familias con dereito ao IMV que cobran menos de 100 euros e outros 100 ou 200 de Risga, e que ao final se valen dun parcheado de prestacións arredor da familia" que non resolve o problema.

Sonia González recoñece o dobre ingreso de moitas familias, mais fai fincapé en que non son responsábeis desa situación, máis durante a pandemia, que veu agravar os gastos e a exclusión das familias.

Educación social ao servizo da inclusión

O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais da Galiza prepara unha batería de achegas á reforma da Lei de inclusión galega de 2013.

Esta mesma semana conta presentar unha serie de solicitudes que pretenden ampliar os dereitos e garantías das familias máis vulnerábeis e sen recursos. "De entrada, queremos que se cumpran os prazos de trámite da renda de integración social da Galiza. Hai grandes demoras que fan que se atrase unha atención urxente para moitas familias".

Tamén solicitarán  a incorporación de educadoras sociais aos acompañamentos socioeducativos de familias con crianzas, e ademais, "un apartado de especial relevancia para que menores tutelados ou en acollemento familiar teñan acceso directo á Risga co acompañamento da educación social durante o proceso de autonomía" co obxectivo de favorecer cambios e que non queden desprotexidos".