A Xunta bonificará ao sector do xogo en 2021 pola pandemia

O vicepresidente primeiro da Xunta Alfonso Rueda no encontro do sector do xogo en outubro. (Foto: Xunta)
Así o xustifica na lei de medidas fiscais e administrativas que presentou ao Parlamento da Galiza.

A Xunta da Galiza prevé compensar a casinos e bingos no 2021 para axudalos a paliar a perda de ingresos pola pandemia. Así o xustifica na lei de medidas fiscais e administrativas que presentou hoxe ao Parlamento sobre este tributo cuxas consecuencias recaen na Administración galega.

En relación coas taxas sobre xogos de sorte, envite ou azar nas modalidades de casinos, máquinas ou bingo fixa "bonificacións aplicábeis neste tributo para paliar os efectivos que tivo en 2020 a pandemia provocada polo Sars-CoV-2". 

"Ante a situación, cabe estabelecer un beneficio fiscal que coadxuve a situación provocada neste sector", engade a exposición de motivos en relación a esta modificación. Na mesma agrega que o beneficio fiscal estabelecido calcúlase de maneira homoxénea sobre o tributo devindicado. Este aplicarase de maneira inmediata en 2021 "unha vez entre en vigor a presente lei e coas primeiras autoliquidacións que se deban presentar".

No caso dos casinos e bingos, poderase aplicar unha bonificación equivalente a 20% da débeda tributaria devengada correspondente ao período impositivo de 2020. A aplicación será realizada na primeira autoliquidación do ano 2021, presentada de maneira voluntaria, e que non poderá ser negativa. Se a bonificación é superior ao importe a ingresar da autoliquidación, a cantidade que reste aplicarase de maneira sucesiva até ser esgotada.

Para o caso das máquinas a dedución poderase aplicar a 30% da cota trimestral no terceiro e cuarto trimestre de 2020, sempre que estiveran de alta nalgún momento dese período. Fontes da Consellaría de Facenda xustificaron que estas bonificacións afectan "exclusivamente a 2021" como "consecuencia dos fechamentos acontecidos no sector do xogo".

A Xunta da Galiza está a traballar nunha Lei do xogo que actualice a norma vixente, aprobada en 1985. En outubro, o vicepresidente primeiro da Administración, Alfonso Rueda, subliñou que se traballa "para o máximo consenso entre todos os sectores involucrados e tamén as demandas da sociedade".

A normativa inclúe límites para a publicidade do xogo ou das apostas. Estas últimas centraron nos últimos meses mobilizacións sociais pedindo o feche das salas que as acollen.