A Xunta subvencionará o 50% do billete en bonos de bus, barcos na ría de Vigo e tren en Ferrol
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou na mañá da cuarta feira a bonificación do 50% do billete dos bonos multiviaxe de autobús interurbano, do transporte da ría de Vigo e do tren da área de Ferrol. Unha medida que se publicará esta quinta feira, día 1, no Diario Oficial da Galiza, e que terá aplicación inmediata.
Rueda expuxo que a rebaixa incluirá os bonos xa adquiridos con anterioridade, "con efecto retroactivo", e aplicarase ás viaxes coa Tarxeta de Mobilidade da Galiza e a Tarxeta Xente Nova.
Nun acto na estación de buses de Santiago, Rueda explicou que un billete de bus de Santiago á Coruña custa 6,55 euros en efectivo. Coa Tarxeta de Mobilidade da Galiza ten unha bonificación do 10% actualmente (5,90 euros) e a partir do 1 de setembro pasará a custar 2,95 euros.
Gratuidade dos trens de media distancia
O anuncio do mandatario galego chega un día antes de que comece a aplicarse a gratuidade das viaxes dos trens de media distancia na Galiza e da bonificación do 50% nas viaxes da liña Avant. Unha actuación promovida polo Goberno estatal e que terá vixencia até o 31 de decembro.
Os abonos de balde de Renfe puxéronse a disposición da poboación o pasado día 24 de agosto, cando se rexistraron fileiras nas estacións galegas e mesmo momentos de colapso e fallos no sistema. Debido á alta demanda, traballadoras e traballadores de Renfe amosan a súa preocupación debido á posíbel saturación das liñas.
A Xunta non porá máis buses e carga contra o Goberno estatal
A preguntas da prensa acerca de se está previsto incrementar o número de autobuses con estes descontos, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou que, cos "datos analizados", "hai buses para toda a demanda", aínda que se abre á posibilidade de "adaptar" a oferta en función da demanda de ser necesario.
Pola súa parte, critica que o Goberno estatal non reforce as liñas de tren, pois "a problemática está constatada na mobilidade nos servizos ferroviarios, non no servizo de autobús que está a ofrecer a Xunta".