A Xunta baralla abrir discotecas e pubs esta fin de semana mais con certificado Covid para acceder

Acceso a un local de ocio nocturno en Sanxenxo (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).

Sanidade agarda chegar a un acordo hoxe con representantes do sector e que mañá o comité dea o visto bo. O 'pasaporte' sería só para aqueles negocios que queiran chegar ao 75% da súa capacidade, segundo se aclarou.

Discotecas e pubs poderían abrir xa esta fin de semana na Galiza mais coa obriga para acceder de presentar un certificado de vacinación ou un test negativo recente. Será unha medida estabelecida só para aqueles negocios que teñan un nivel máis alto de seguridade e que queiran contar, polo tanto, coa capacidade ao 75% e un horario ampliado até as catro da madrugada.

Así o apuntou esta segunda feira o propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que animou, segundo recolle a TVG, a todos os galegos vacinados que aínda non o fixesenn a que soliciten o certificado de vacinación, o cal será necesario para acceder aos locais de lecer nocturno.

Na tarde desta segunda feira hai axendada unha xuntanza entre representantes do sector do lecer nocturno e Consellaría para estudar as súas alegacións ao documento que a Xunta entregou a semana pasada e poder "pechar eses detalles".

O que non está de momento sobre a mesa é ampliar o horario de apertura máis aló das 4 da mañá.

"Non creo que haxa ningún cambio importante na filosofía do documento", dixo o conselleiro, segundo recollen os informativos da TVG. "Espero poder pechalo hoxe con eles e mañá levalo ao comité clínico e este mesma fin de semana poñelo en funcionamento".

García Comesaña subliñou que a previsión é que se poida solicitar o certificado de vacinación nos establecementos cun nivel 2 de compromiso, sempre seguindo o que determine o Tribunal Supremo.

Un certificado que, segundo asegurou Comesaña nunha entrevista o domingo na Radio Galega, "non se descarta" que se acabe empregando noutros ámbitos como as visitas a residencias de maiores ou hospitais, mais matizou que, polo do momento, cinguiranse ao que estipulou o Supremo na súa sentenza.

O que non está de momento sobre a mesa é ampliar o horario de apertura máis aló das 4 da mañá.