A Xunta baixa a nivel 1 a alerta pola vertedura de pellets

Pellets de plástico nunha praia da Coruña (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press).

A Xunta notificará a decisión á Delegación do Goberno español na Galiza e, se non se opón, farase efectiva "esta mesma semana"

O subdirector xeral de Gardacostas da Galiza, Lino Sexto, informou esta cuarta feira de que a alerta pola vertedura de pellets de principios de decembro baixa ao nivel 1 ao "descender notablemente", din, a súa incidencia.

O persoal técnico do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) reuniuse para abordar a situación da vertedura, analizando os últimos parámetros obtidos.

En base a iso, explicou Sexto, pode “confirmarse” que a incidencia sobre a chegada de granulados plásticos "descendeu notabelmente”, non chegando aos cocientes mínimos recomendados por organimos internacionais para a súa recollida".

Segundo explicou, nas observacións continuas que se están realizando periodicamente nas praias galegas, "as densidades son moito menores de 250 pellets por metro cadrado", o método utilizado, apuntou, en Nova Zelandia, e dos 3.000 pellets por operario e día, sistema utilizado en Sudáfrica, e tamén menos dos 500 mililitros de pellets por operario e día de Noruega.

Desescalada progresiva

Sinalou ademais que a decisión de baixar o nivel de alerta será notificada á Delegación do Goberno español na Galiza, xa que o nivel subiuse "a petición súa", pois foi ante a inacción da Xunta da Galiza que o Goberno español pediu a activación do nivel 2 do Plan Camgal para que o Estado puidese mandar medios ao país.

Precisamente, a xestión do Executivo galego á fronte da denominada "crise dos pellets" foi cuestionada tanto polo sector pesqueiro como polo tecido ecoloxista e motivou que milleiros de persoas se mobilizaran o pasado domingo en Compostela "en defensa do noso mar". 

A baixada ao nivel un será efectiva esta mesma semana. Con todo, Sixto avanza que no caso de que volvan existir criterios para subir o nivel, "así se fará". En canto ás limpezas que aínda se estaban levando a cabo nas praias galegas, remarcou que "o importante é non causar máis prexuízo que beneficio ao ecosistema", para o que deben ser "proporcionais" á "situación real" das costas.

Por iso, o persoal técnico propón unha "desescalada progresiva" dos medios de limpeza e vixilancia", aínda que sinala que se manterá a vixilancia constante "para reaccionar coa máxima rapidez se a situación cambiase".

A vertedura de pellets que comezou a chegar ás praias galegas a mediados de decembro procedía dun contedor que o buque Toconao perdeu o 8 de decembro, cando caeu ao mar fronte á costa portuguesa de Viana do Castelo.

Tras varias peticións por parte do Goberno estatal para subir a alerta ao nivel 2, requisito para que a Administración española facilitase medios de procura, a Xunta acabou elevando a alerta o pasado 9 de xaneiro, un mes máis tarde.