A Xunta concede novas axudas a colexios privados concertados que segregan por sexo

O Goberno galego destina hoxe máis de 300 millóns de euros a sufragar a escola concertada. (Foto: Marta Fernández / Europa Press)
Os concertados católicos acaparan nove de cada dez euros da liña de axudas destinada á realización de probas lingüísticas para o alumnado, e dous deles, Acacias e Montecastelo, separan nenos e nenas nas aulas, práctica prohibida pola Lomloe para acceder a fondos públicos.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou esta quinta feira a resolución das axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realizase os seus estudos no ano 2022, cunha dotación económica de 143.000 euros en total.

Deste modo, a resolución apunta que as axudas foron concedidas a un total de 31 centros educativos concertados da Galiza, polo que o importe co que recibirá cada centro oscila entre 300 euros e os 20.000 euros.

Esta convocatoria estaba destinada aos centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellaría de Educación nos que se imparten ensinos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato ou formación profesional. O custo outorgado a cada centro por proba de acreditación en lingua estranxeira e alumno será dun máximo de 100 euros. Este importe inclúe a realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas e a certificación correspondente.

A inmensa maioría dos centros concertados beneficiarios desta liña de axudas teñen un marcado carácter relixioso, pois dos 31 totais até 24 pertencen á organización Escolas Católicas, representante da práctica totalidade dos máis dun cento de colexios concertados católicos —a metade dos que gozan dun réxime de concerto coa Xunta—.

Así mesmo, outro centro —máis ben dous—, Acacias-Montecastelo, que aínda segrega o alumnado en función do sexo, unha práctica prohibida pola nova Lei de educación (Lomloe) —pendente da resolución dun recurso no Tribunal Constitucional— para acceder a financiamento público e que está no punto de mira da próxima convocatoria de concertos, do curso 2023-24 ao 2028-29, na que a Xunta eludiu mencionar de forma explícita este requisito, limitándose a afirmar que "o centro deberá reunir os requisitos estabelecidos na orde e demais normativa vixente aplicábel".

Con todo, a devandita orde recolle tamén que "para a renovación do concerto educativo terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación", cuestión que a CIG-Ensino considera que "abre a porta" a que poidan manter os concertos os centros que os teñen xa a día de hoxe malia segregar por sexo —Acacias, Montecastelo, Montespiño e Peñarredona—, vinculados ao Opus Dei.

Sexa como for, na liña de axudas que hoxe recolle o DOG, por medio dunha resolución datada do pasado 23 de xaneiro, Acacias-Montecastelo recibe 7.600 euros adicionais da Xunta da Galiza, por volta dos 6.700 euros que van parar aos seis concertados non adscritos ao Opus ou a Escolas Católicas e os 128.700 que acaparan os centros pertencentes a esta última organización.