Entidades ecoloxistas e veciñais crean unha plataforma contra o parque eólico na Serra do Iribio

Imaxe da Serra do Iribio. Foto: cedida.
A plataforma Salvemos O Iribio, formada por agrupacións ecoloxistas, asociacións veciñais, entidades culturais e organizacións políticas, vén de se poñer en marcha. A súa finalidade é “defender a Serra do Iribio, no Courel, das obras dun parque eólico e as instalacións electromecánicas asociadas”.

“Queremos facer valer a legalidade vixente que prohibe a instalación de novos parques eólicos en zonas de Rede Natura 2000”, sinala a plataforma no seu primeiro comunicado. O Iribio non só é Rede Natura. Tamén se atopa dentro do Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago Francés e na proposta de declaración Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Iribio e Courel.

É así que Salvemos O Iribio considera que o proxecto eólico Serra do Oribio (sic) aporbado o pasado 27 de xuño no Consello da Xunta “vulnera a lexislación vixente e non pode facerse efectivo”. O mesmo sucedería coa liña de alta tensión asociada á citada infraestrutura. “Presentaremos todos cantos recursos sexan petinentes”, advirte.

Segundo a plataforma, as obras xa en execución deben ser paralizadas. “Están a destruír gran parte dos valores naturais e ecolóxicos, histórico culturais e patrimoniais do Iribio. Nalgún caso de maneira irrecuperábel”, sinala. O proxecto eólico publicouse no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de agosto e, porén, a empresa Fergo Galicia Vento, S. L. xa comezara as obras “de xeito irregular” o pasado maio “coa conivencia de Xunta e os concellos de Samos e Triacastela”.

É máis, Salvemos O Iribio denuncia que Goberno e Concello de Samos “están a permitir a execución das obras dos camiños de acceso ao parque eólico por un trazado diferente ao previsto no proxecto, e tamén atravesa a Rede Natura e a zona de amortecemento do BIC”. “Son obras totalmente irregulares”, considera.

A plataforma avisa de que rexistrará denuncias contra a Xunta e “os concellos cómplices” na Unión Europea e “mobilizacións” se o Goberno galego “non paraliza inmediatamente as obras do parque eólico do Iribio”.

Fan parte de Salvemos O Iribio Adega, Asociación Sociocultural O Iribio, Fundación Oso Pardo, Fundación Uxío Novoneyra, Petón do Lobo, Lugo Animal Save, Anonymous for the Voiceless, Colectivo Capitán Gosende, Asociación Cultural Roxín Rosal, Xuntos por Sarria, Agrupación Cultural Ergueitas, Comité de Defensa das Rías Altas, Plataforma Galega para a Defensa Animal e da Natureza, Rede Galega do Patrimonio, Rede Galega da Educación e Desenvolvemento Rural, Salvemos a Comarca de Ordes, Sociedade Galega de Ornitoloxía, Stop Eólicos Paradela e os grupos políticos Anova, BNG, Equo e os grupos parlamentarios de En Marea, BNG e Grupo Mixto.

 

Nota: imaxe con membros das entidades constuíntes da plataforma Salvemos O Iribio.