A Xunta autoriza, ás agachadas, a Universidade privada de Abanca, que contradí a lexislación galega

A Universidade Intercontinental da Empresa ofertará titulacións xa presentes no sistema público. (Foto: Afundación)
A Xunta da Galiza elixiu esta cuarta feira, en pleno paro estival, para facer pública a autorización da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), un proxecto promovido por Abanca do que o Goberno non informou cando efectuou a autorización —no Consello da Xunta do pasado 27 de xullo— e que incumpre a Lei de universidades no que atinxe ás titulacións e o uso da lingua galega como vehicular.

Malia que o Goberno galego autorizou o proxecto de universidade privada impulsado por Abanca na reunión do Consello da Xunta do pasado 27 de xullo, non foi até esta cuarta feira que transcendeu o anuncio por mor da súa obrigada publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG). Así consta no boletín da Administración galega, que alude á "deliberación do Consello" na xuntanza daquel día, unha deliberación, porén, que o presidente Alfonso Rueda non comunicou aos medios na rolda de prensa posterior. Tampouco figura ese decreto de autorización, o 144/2022, de 27 de xullo, no documento que a Xunta publica cada semana cos acordos do Executivo.

O decreto referenda a Lei 12/2021, de 15 de xullo, a través da cal se fixaron as bases fundacionais do centro de ensino privado, e non fai referencia ningunha á necesaria complementariedade, e non solapamento, das súas titulacións coas que xa ofertan as tres universidades públicas da Galiza; todo o contrario. A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), que iniciará a súa actividade no vindeiro curso 2022-23, contará con dous títulos, un grao e un mestrado, que xa están presentes na USC, a UVigo e a UDC: Administración e Dirección de Empresas.

Non é esta unha cuestión menor, pois a vixente Lei do sistema universitario da Galiza (SUG), de 2013, recolle no artigo 13 que "o catálogo de titulacións ofertadas [en novos centros universitarios] deberá ser complementario e non reiterativo respecto das titulacións preexistentes e consolidadas no SUG, e valorarase especialmente a súa conexión con novas ramas xurdidas no campo científico e con novas necesidades profesionais", se ben desde a Xunta sosteñen que se trata das que proceden do Ieside de Abanca, previo á UIE, e que están "avaladas" por organismos estatais.

O reitor da UIE será o curmán do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e presidente de Afundación —obra social do banco—, Miguel Ángel Escotet.

Oposición da pública

Os reitores das tres universidades galegas —Julio Abalde (UDC), Manuel Reigosa (UVigo) e Antonio López (USC)— fixeron fronte común contra este proxecto alegando, precisamente, que a nova universidade duplicaría titulacións xa existentes e que a oferta actual no sistema público é suficiente e só precisa dun maior financiamento.

O galego, excluído

A UIE oferta seis titulacións en dúas facultades, de Administración de Empresas e Dereito e de Enxeñaría e Tecnoloxía Empresarial: catro graos —Administración e Dirección de Empresas, Administración de Negocios Dixitais, Enxeñaría en Sistemas Intelixentes e Enxeñaría da Empresa— e dous mestrados —Dirección e Administración de Empresas e Tecnoloxía e Intelixencia de Datos Empresariais—.

 Todas elas impartiranse nos campus que abrirá na Coruña e Vigo baixo un modelo bilingüe que exclúe a lingua galega como vehicular. Así, as aulas daranse en español e inglés. Esta decisión contradí tamén o disposto na Lei do SUG: "O galego e o castelán son as linguas propias das universidades [...] o galego, como lingua propia da Galiza, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades".