A Xunta autoriza concertos de entre 2.500 e 5.000 persoas sentadas e reabre todos os casinos e bingos

Concerto no Monte do Gozo (Imaxe: César Arxina / Europa Press)

O Goberno galego autoriza a realización de concertos en todos os concellos galegos, independentemente do nivel de contaxios Covid que teñan, con público sentado que poderá ir dos 2.500 de capacidade para os que teñen máis restricións até os 5.000 do nivel con menos incidencia acumulada.

Os concertos ou representacións ao aire libre só poderán realizarse con público de pé nos concellos co nivel máis baixo de incidencia actualmente en vigor, o medio baixo. As condicións son non superar o 33% da superficie útil do recinto, de forma que cada persoa dispoña de tres metros cadrados, e a capacidade máxima será de 2.000 persoas.

Nos espectáculos musicais e artísticos con público sentado rexen dous tipos de capacidade. Nos concellos con restricións máximas e de nivel alto, un máximo de 2.500 persoas e un 50% da capacidade permitida; mentres que nos de nivel medio e medio baixo, permítese un 75% da capacidade permitida e un límite de 5.000 persoas.

É unha das medidas recollidas no Diario Oficial de Galicia (DOG)-bis, publicado na noite da quinta feira, e que inclúe as novidades que entran en vigor cando se cumpran as 00 horas deste sábado.

O DOG-bis, que trae como principal novidade a apertura dos estabelecementos de lecer nocturno nos concellos de máximas restricións con servizo só en terrazas.

Casinos e bingos

Xa na normativa do pasado 25 de xuño, permitíase a actividade de estabelecementos de xogo, azar, salas de bingo e salas recreativas nos concellos con menores incidencia, isto é, aqueles con nivel medio e medio baixo. Coa nova normativa, tamén se permite a reapertura naqueles cunha incidencia máxima.

Concretamente, o diario oficial recolle que os casinos, salóns recreativos ou tómbolas poderán realizar a súa actividade sempre que non superen o 30% da súa capacidade. Ademais, do mesmo xeito que a hostalaría neste nivel de incidencia, será obrigatorio presentar un certificado de vacinación, superación da enfermidade ou test negativo.

Concretamente, estas medidas afectan os concellos de Sanxenxo, Cambados Meaño e O Grove -área sanitaria de Pontevedra-; A Pobra do Caramiñal e Boiro -área sanitaria de Santiago-; e O Barco -área sanitaria de Ourense.

Ao 50% no resto da Galiza

Este tipo de estabelecementos tamén estarán abertos no resto de concellos da Galiza, cunha capacidade de 50%, a mesma que rexe para os comedores de restaurantes e salas de cafetaría nestes municipios. A única diferenza é que nos concellos de nivel alto haberá que presentar tamén unha credencial 'libre' de Covid.

Este requisito afecta, por tanto, as persoas usuarias deste tipo de estabelecementos nos concellos de Ourense, Avión, Barbadás, O Carballiño, Porto do Son, Carballo, Fisterra, Oleiros, Vimianzo, Arzúa, Ribeira, Melide, Burela, Viveiro, Cervo, Foz, Ribadeo, Vigo, A Illa, Vilagarcía, Vilanova, Marín, Poio, Pontevedra, Baiona, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.

Apertura de discotecas

A principal novidade do DOG é a autorización de apertura das súas terrazas ás discotecas, pubs, cafés-espectáculos, salas de festas ou salas de concertos que desenvolvan actividades de lecer nocturno nos concellos de máximo risco e de nivel alto de incidencia até a unha da madrugada.

Na rolda de prensa da cuarta feira para informar os acordos do Comité Clínico que asesora a Xunta, o presidente, Alberto Núñez Feixoo, informara de que o lecer nocturno estaría fechado nos niveis de máximo risco e nivel alto.

Con todo, o DOG-bis recolle a autorización para que estes estabelecementos abran co horario e a capacidade da hostalaría, iso si, só nos exteriores. Os restaurantes e cafetarías destes concellos poden abrir en interior, cun 30% de capacidade no caso dos de nivel máximo e cun 50% no grupo de incidencia alta.

O consumo nestes locais será exclusivamente en terrazas e sentado en mesa. Considéranse terrazas ao aire libre todos os espazos exteriores non cubertos ou todo o espazo que, estando cuberto, estea rodeado por un máximo de dúas paredes ou muros.

O DOG sinala que non estará permitida a colocación de barras para consumo nelas. A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas e fecharán á 1.

Nivel medio ou medio baixo

Nos concellos situados no nivel medio ou medio baixo de restricións, o lecer nocturno poderá desenvolver a súa actividade tanto en interior como en exterior, con horario de feche ás 3 da madrugada.

Con todo, para acceder aos interiores dos estabelecementos, será necesario contar cun certificado de vacinación ou un test de covid negativo realizado cun máximo de 72 horas antes.

Para os locais destes concellos, os estabelecementos poderán prestar servizos de terraza ao 100% da capacidade máxima permitida, aínda que na rolda de prensa posterior ao comité clínico informouse de que nos de nivel medio podería ocuparse o 75% da súa capacidade.

No servizo en interior, para o que é preceptivo o carné de vacinación ou o test negativo, os locais poderán ocupar até o 50% da súa capacidade máxima permitida.

O grupo de concellos situados en nivel medio ascende a 38 localidades. Sarria, Mondoñedo, Vilalba, Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao, Ribadavia, Vilamartín de Valdeorras, A Coruña, Culleredo, Cambre, Sada, Ames, Muros, Noia, Oroso, Santiago, Teo, Fene, Ferrol, Mugardos, Meis, Silleda, Pontecesures, Ribadumia, Caldas de Reis, Redondela, Bueu, Ponte Caldelas, A Guarda, Moaña, Mos, O Porriño e Tui.

A entrada en vigor destas medidas será ás 00 horas do sábado, é dicir, serán xa aplicábeis para as persoas que saian na noite da sexta feira e prolonguen o seu tempo de lecer máis aló da medianoite.