A Xunta aumenta os fondos para o ensino concertado mentres recorta 868 docentes no público

A CIG-Ensino presentou o 5 de novembro o seu Congreso (Imaxe: Nós Diario)

“O continuísmo da política de restricións cara a educación pública levará no ano 2022 a un total de docentes inferior que existía no país cando Feixoo accedeu á Xunta no 2009: 30.424 por 30.439”. É unha das conclusións recollidas pola CIG-Ensino nun informe en que analiza os orzamentos do Goberno galego para 2022 en materia de educación.

O sindicato maioritario no sector pon de manifesto que “sobre o papel, a cifra de docentes mantense lixeiramente por riba da existente no ano previo á pandemia, algo que se produce parcialmente polo aumento de docentes provocado nas primeiras semanas deste curso tras as protestas de familias, profesorado e a CIG-Ensino”.

A perda, explica a CIG, “é enorme ao respecto dos orzamentos de 2021, con 868 docentes menos, o que representa un devalo do 2,78%”. “Se comparamos as cifras co orzamento previo á pandemia vemos como as cifras só son superiores grazas ao aumento de docentes dos corpos de Ensino Secundario (PES) e de Formación Profesional (PTFP) manténdose estancadas as cifras de mestres de infantil e primaria”, recolle o sindicato nun comunicado.

Fronte esta realidade, a CIG-Ensino salienta a do ensino privado: “Partindo dun valor 100 para as contas de 2021, soben moito máis os fondos para o ensino concertado (nos orzamentos de 2021 suporían case 197,99) que as contas xerais da Consellaría (fican en 174,48), mais mesmo os orzamentos xerais da Xunta pasan por riba do investimento educativo (cun valor de 189,06)”.

As cifras de incremento aínda se disparan máis atendendo a que, dentro do ensino concertado, o principal incremento destes 20 anos tivo lugar en educación infantil (cun valor no 2021 de 288,15).

O financiamento do ensino concertado volve medrar por riba do investimento no ensino público

Nas contas do 2020 o financiamento do ensino concertado volve medrar por riba do investimento no ensino público. Así, as transferencias correntes (concertos) e as de capital (axudas diversas ao ensino concertado) soben un 2,51% ao respecto do exercicio 2021, mentres que a suba xeral de Educación queda nun 2,03%.

Por outra banda, a CIG advirte de que “se comparamos as contas educativas coas do conxunto do Goberno galego nos orzamentos do 2022 advírtese un lixeiro incremento ao respecto do ano anterior mais fica moi lonxe da relevancia de Educación nas contas xerais producida nos exercicios 2006-2009 (no bipartito)”. Naqueles anos, lembra, superáronse porcentaxes do 26% no gasto educativo sobre o gasto total da Xunta, mais as contas de 2022 mantéñense nun peso de Educación moi inferior, “tan só dun 20,71%”.

A rebaixa nos actual dos centros, segundo o informe da CIG, chega ao 18,66% e afecta a todos os tipos. A respecto da lingua, indica que o seu fomento cae un 22,64% ao respecto do exercicio do 2021 e é na partida principal, de campañas de normalización lingüística, a que perde un de cada catro euros investidos no curso actual.

“Tamén chama a atención como as partidas que máis medran dentro deste programa [de lingua] son a que de destina a empresas privadas, que medra por riba do 30% por segundo ano consecutivo e a que vai a centros concertados que sobe máis dun 11%”, salienta a CIG.

Congreso da CIG-Ensino

Os datos a respecto do orzamento da Xunta foron presentados nunha rolda de prensa en que tamén se presentou o VIII Congreso da CIG-Ensino, que decorrerá o 13 de novembro no Auditorio da Galiza (Compostela). Unha xornada na que delegadas e delegados do Consello Federal do sindicato analizarán o traballo realizado no período que conclúe e onde marcarán os obxectivos para os próximos catro anos.

"Imos" é o lema baixo o que se realizará o congreso, co norte posto na defensa "dun ensino centrado no país, por un profesorado con dereitos e baixo a premisa da igualdade". Na véspera da sesión do ccongreso terá lugar un encontro sindical coas delegacións internacionais convidadas na que se realizará unha análise sobre os retos que afrontan os respectivos sistemas educativos e da resposta sindical a eses retos.

Tomarán parte do conclave 200 delegadas e delegados. A xornada comezará ás 10 horas e a apertura irá seguida do informe da Executiva Federal e votación deste para posteriormente, e xa baixo a dirección da Mesa Presidencial electa ao efecto, debater e votar os Estatutos, o relatorio de acción sindical e, finalmente as candidaturas que se presenten nos tres procesos abertos: a renovación da Secretaría Nacional, da Executiva Federal da CIG-Ensino e da representación da federación no Consello Confederal da CIG.

No acto de clausura, que comezará aproximadamente ás 13:30 horas intervirán as delegacións convidadas, será a presentación das candidatas e candidatos electos, a votación das resolucións do Congreso e a intervención do secretario xeral da CIG. O feche final estará a cargo da persoas que sexa elixida secretaria ou secretario nacional de CIG-Ensino.