A Xunta asume que o proxecto de Altri na Ulloa non vai ser unha realidade no curto prazo
O proxecto de Altri para construír unha pasteira na Ulloa esváese. Esta é a sensación que transmite o propio Goberno galego —defensor do proxecto desde o minuto un— após as novidades dos últimos días. A negativa do Executivo español á subestación eléctrica que demandaba –e que precisaría para abastecer a factoría de electricidade– e o permiso de conexión tamén necesario para desenvolver a súa actividade, tras perder tamén as axudas do Perte de descarbonización e os 250 millóns extra solicitados, fai que a Xunta da Galiza dea por feito que Altri non chegará a Palas de Rei (A Ulloa), no mínimo no curto e medio prazo.
Así o expresou a propia conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, após a reunión que mantivo esta terza feira en Madrid con representantes de Rede Eléctrica Española (REE), co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard, á fronte. "Saio con tristeza porque se saque [a provincia de] Lugo do mapa industrial ao non reforzar a súa programación eléctrica, co que até 2030 non poderá instalarse en Lugo ningunha mediana ou grande industria", dixo após a xuntanza. Pola súa parte, Groizard confirmou no encontro coa conselleira de Economía e Industria o que xa adiantara en público na segunda feira o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro: non haberá subestación eléctrica nin conexión para Altri. O anuncio chega apenas cinco meses despois de que o Goberno estatal deixase o proxecto fóra das axudas para a descarbonización.
Que non vaia haber subestación eléctrica nin conexión é xa de por si un grande obstáculo para a viabilidade do proxecto que impulsa Altri, proxecto que aínda está en proceso de concluír diferentes trámites ante a Administración galega. Aínda ten que conseguir a autorización ambiental integrada (AAI) por parte da Consellaría do Medio Ambiente da Xunta, así como lograr a licenza definitiva da Consellaría de Economía e Industria para poder empezar as obras da macrocelulosa que tramita na comarca da Ulloa.
O propio presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, apuntaba a principios de ano o verán como a época na que podería coñecerse se Altri lograba ou non a necesaria e prescritiva autorización ambiental integrada. O verán, oficialmente, finalizou esta semana.
O recoñecemento de facto por parte de Lourenzá de que a macrocelulosa na Ulloa non é viábel a medio prazo prodúcese, ademais, despois de que diferentes colectivos e entidades se pronunciasen após coñecer a decisión do Goberno español de rexeitar a subestación.
"O proxecto é un sen sentido"
A plataforma Ulloa Viva exixiu á Xunta da Galiza "que denegue dunha vez por todas e para sempre" as autorizacións pendentes que tramita a Administración galega para o proxecto que a empresa Altri quere implantar en Palas de Rei. "Sen electricidade, sen auga e sen licenza social, o proxecto é un sen sentido", asegura este colectivo, que se ben cualifica de "boa noticia" a decisión do Goberno estatal, considera que non supón o golpe definitivo contra o proxecto. "Chegou a hora de que a Xunta e o PP recoñezan que este é un proxecto sen sentido, que os veciños e veciñas que levamos máis dun ano dicindo 'Altri Non' temos razón e que dunha vez por todas as Xunta descarte seguir tramitando este proxecto en contra dos veciños", sostivo a entidade.
A plataforma asegura que a non inclusión desta actuacións na planificación da rede eléctrica "imposibilita a execución e funcionamento operativo do proxecto". "Dixémosllo nas rúas, déronnos a razón os expertos de todas as áreas, levamos os nosos argumentos a todos os parlamentos, e agora de novo o Goberno do Estado ratifica que o proxecto da macrocelulosa non ten encaixe socioeconómico nin ambiental algún no noso territorio", indicou.
Para a entidade, a realidade "non fai máis que demostrar que o proxecto de Altri e Greenalia [a través da sociedade Greenfiber] carece de todo sentido común desde o seu nacemento". Un proxecto "guiado polos beneficios económicos privados de catro e de costas á realidade socioeconómica da contorna naque se quere implantar". Así as cousas, e tras a "nova negativa do Goberno do Estado a achegar os fondos públicos que a Xunta e Altri demandan", Ulloa Viva considera que, "por responsabilidade", o Executivo galego e a propia empresa deben "desistir da imposición deste proxecto" antes de "obrigar a seguir loitando" e a exercer, no seu caso, "as accións xudiciais oportunas".
Tamén a organización ecoloxista Greenpeace pediu esta terza á Xunta que “non autorice” a pasteira en Palas de Rei “ao carecer do necesario reforzo eléctrico". “A macrocelulosa de Altri xa debería ser rexeitada hai tempo polas súas graves afectacións ambientais e polo enorme rexeitamento social xerado. Insistiuse en impulsar un proxecto que non vén sumar nada á sustentabilidade futura da industria galega e que xerou un conflito social na Galiza”, concluíu o coordinador de Greenpeace na Galiza, Manoel Santos.