As chaves do novo revés para Altri

Sen cartos públicos, sen electricidade e polo de agora tamén sen auga, a celulosa que Altri proxecta en Palas de Rei (A Ulloa) semella cada día máis lonxe de ser realidade. A contestación social arredor do proxecto contrastou co único aval ambiental que obtivo, o concedido pola Xunta da Galiza no pasado mes de marzo. O Goberno galego responsabilizou o Estado do futuro da pasteira, e Gómez Besteiro anunciou esta segunda feira a terceira denegación de permisos á multinacional lusa.

foto REE
Instalación de Rede Eléctrica en Vila de Cruces (O Deza), no encoro de Portodemouros. (Foto: Nós Diario)

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), que encabeza Sara Aagesen, comunicará hoxe á Xunta da Galiza a exclusión do proxecto de celulosa que Altri-Greenalia tramitan en Palas de Rei (A Ulloa) das conexións eléctricas da Planificación da Rede Eléctrica 2025-2030. Foi o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen avanzou esta segunda feira esta decisión do Goberno español de denegar a Altri a subestación eléctrica que tanto a empresa como a Xunta da Galiza demandaron ao Goberno español en varias ocasións nos últimos meses. Segundo avanzou Besteiro, hoxe mesmo o secretario de Estado de Enerxía comunicará esta decisión ao Goberno galego.

En rolda de prensa, o líder dos socialistas galegos afirmou que Altri será excluída da planificación eléctrica 2025-2030 por non cumprir os requirimentos precisos para entrar na planificación estatal. “Altri é evidente que non cumpre”, dixo Besteiro, asegurando ademais que “sen esa conexión eléctrica, o proxecto non se mantén en pé”. Con esta decisión do Goberno español arredor do proxecto da macrocelulosa produciríase o “triple non do Goberno a Altri”, logo de quedar fóra do  Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (Perte) da descarbonización do Ministerio de Industria, e das axudas extraordinarias deste mesmo departamento.

Nós Diario preguntou ao Miteco por esta cuestión o pasado 15 de setembro, diante da exposición pública do decreto que planifica a nova estratexia enerxética do Goberno español. Non houbo resposta do Miteco daquela e tampouco esta segunda feira, cando este xornal se volveu pór en contacto para solicitar máis información sobre o anuncio de Besteiro.

Sobre este anuncio, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou a preguntas da prensa que “os diferentes gobernos farían ben se tomasen nota da posición maioritaria da sociedade galega e inviabilizan un proxecto que é claramente unha hipoteca para o futuro do noso país”. Pontón dixo que “Galiza non precisa máis macrocelulosas”.

Pola súa parte, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, confirmou na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego, que hoxe hai unha reunión da Xunta en Madrid co secretario de Estado de Enerxía, Joan Groizard. Rueda criticou que “xa coñecemos por un deputado da oposición -en referencia a Besteiro- que non van vir fondos nin conexión eléctrica para este proxecto”.

O presidente da Xunta dixo que “o que faga Altri agora é decisión empresarial” e argumentou que o Executivo galego “avaliou e ditaminou a viabilidade” do proxecto. “O resto corresponde á empresa e non llo están pondo fácil”, dixo, para engadir: “Noutras comunidades non se atreverían a facer o mesmo”.

Nós Diario púxose en contacto con Altri-Greenalia para coñecer súa valoración ao respecto. Desde a pasteira aseguraron que “Greenfiber -empresa promotora participada por Altri e Greenalia- non vai facer valoracións sobre declaracións doutras persoas”, en referencia ao anuncio de Gómez Besteiro. Explicaron que “confiamos no sistema e estamos a disposición das distintas Administracións para resolver calquera dúbida que poidan ter respecto ao proxecto Gama, no que confiamos plenamente e que continuaremos xestionando co máximo rigor, como o fixemos ata o de agora”.

Altri-Greenalia inclúe no seu estudo de impacto ambiental (EIA) do Proxecto Gama -que recibiu en marzo a declaración de impacto ambiental (DIA) positiva da Xunta- na páxina 92, unha subestación de 7.000 metros cadrados dentro da planta, pero para a que demandou que Rede Eléctrica Española (REE) constrúa outra subestación na zona cunha conexión de 110 megawatts (MW) e unha liña de arredor de 3 quilómetros coa que conectar a súa subestación cos nodos externos de REE.

A declaración de impacto ambiental positiva da Xunta vinculaba o futuro desenvolvemento do proxecto a que o Goberno español tramitase o “enganche” de Altri á rede eléctrica. Nos últimos meses, de feito, tanto a Xunta da Galiza como o PP no Congreso español e no Parlamento galego, ten demandado reiteradamente unha resposta favorábel do Miteco a esta demanda. No Congreso foi o deputado galego Francisco Conde -que foi conselleiro de Economía cando se xestou o proxecto de Altri- quen pediu en pleno e en comisión esta conexión eléctrica para a macrocelulosa.

Na Galiza, foron as conselleiras de Economía e Medio Ambiente, María Jesús Lourenzá e Ángeles Vázquez, respectivamente, quen logo de aprobar a declaración de impacto ambiental de Altri dixeron en marzo que o proxecto “está practicamente en mans do Goberno central” e da autorización do reforzo da subministración eléctrico. Neste senso engadiu Lourenzá que “unha fábrica non pode funcionar se non se pode enchufar”. Nós Diario preguntou esta segunda feira ao departamento de Lourenzá a respecto deste tema, ao feche desta información non houbo resposta da Consellaría de Economía e Industria.

Cautela nos colectivos veciñais e ecoloxistas

En declaracións a este xornal, o presidente da Plataforma Ulloa Viva, Juan Pedro Sánchez, valorou “positivamente o avance feito polo PSdeG sobre a non concesión da subestación eléctrica para o proxecto Gama”, pero “tamén queremos ser cautos e agardar a que o Goberno español informe da resolución definitiva e entender se hai posibilidade de recurso por parte das empresas do proxecto, tanto Altri como Greenalia”.

Tamén a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) valorou “moi positivamente a decisión do Goberno español de non outorgar o enganche á rede eléctrica á macroceulosa de Altri”. O seu presidente, Xaquín Rubido, explicou que “temos que agardar para unha valoración máis pormenorizada ao texto formal dese acordo” para ver “en que requirimentos medioambientais e socioeconómicos se basea para tomar esa decisión”, que “podería ser recorríbel legalmente”. Ambas as plataformas destacaron que todas as decisións en contra de Altri que se están adoptando nas institucións “teñen o sustento común no rexeitamento maioritario da sociedade galega” á macrocelulosa, e animaron a “seguir exercendo presión social para conseguir parar definitivamente este proxecto depredador”.

Comentarios