O bombeiro ferido no incendio de Ferrol, trasladado a planta tras a amputación dunha perna

Vivenda afectada. (Foto: Europa Press)

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) informou este 20 de febreiro de que tres dos catro ingresados polo incendio rexistrado na madrugada do día 19 no barrio ferrolán de Recimil permanecen en unidades de coidados especiais debido á gravidade das lesións. Entre eles atópanse dous mozos ingresados na Unidade de Queimados e un neno de tres anos na UCI pediátrica, mentres que o bombeiro ferido evoluciona favorabelmente e xa foi trasladado a planta.

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) emitiu este 20 de febreiro o último parte médico sobre a evolución dos feridos no incendio rexistrado a madrugada deste 19 de febreiro no barrio de Recimil, en Ferrol.

Segundo os datos facilitados polo centro sanitario, tres dos catro ingresados permanecen en unidades de coidados especiais debido á gravidade das súas lesións.

Así, na Unidade de Queimados atópanse dous mozos, unha muller de 24 anos que presenta queimaduras de segundo grao que afectan ao 5% do seu corpo, localizadas principalmente en mans e pés. Ademais, padece un cadro de intoxicación por inhalación de fume e o seu prognóstico é grave.

Por outra parte, o home de 19 anos está ingresado tamén con prognóstico grave debido a unha intoxicación por inhalación de fume. A maior preocupación céntrase no menor de 3 anos, que continúa baixo vixilancia constante na UCI pediátrica.

Pola contra, o bombeiro de Ferrol, un home de 49 anos, experimentou unha evolución favorábel nas últimas horas. Tras mostrar unha melloría estable, os facultativos autorizaron o seu traslado a planta, onde continuará coa súa recuperación fóra das unidades de críticos, tras ter que amputarlle unha das súas extremidades inferiores.