Bombeiros denuncian a "falta de medios" no incendio que deixou catro persoas feridas de gravidade en Ferrol
A oposición exixe que o alcalde, José Manuel Rei Varela, dea explicacións sobre as causas que causaron o sinistro.
Catro persoas resultaron feridas na madrugada deste 19 de febreiro, entre elas un menor e un bombeiro, após rexistrarse un incendio nunha vivenda do barrio de Recimil, en Ferrol. Segundo informa o 112 Galiza, foi minutos antes das 6 horas cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias recibiu o primeiro aviso por fume nun inmóbel da rúa Álvarez de Soutomaior. A persoa que alertou indicaba que había alguén asomado a unha xanela pedindo axuda.
De inmediato mobilizáronse os Bombeiros de Ferrol, que solicitaron tamén a colaboración do equipo de profesionais de Narón. Así mesmo, foron avisadas a Policía Local e a Policía Nacional, ademais dos servizos sanitarios, ante a posibilidade de que houbese varias persoas afectadas.
Pouco despois, os profesionais sanitarios confirmaron o traslado de catro persoas ao Hospital Arquitecto Marcide, dúas delas en estado grave, sendo posteriormente ingresadas no Complexo Universitario da Coruña (CHUAC) debido á gravidade das lesións. Entre os feridos atópase un membro do operativo de extinción e un menor de idade. En canto aos danos materiais, os bombeiros sinalaron que unha habitación quedou completamente calcinada, aínda que o fume afectou a totalidade da vivenda e tamén a casa contigua.
Tres dos catro feridos —os tres adultos: un bombeiro, a nai do menor e un veciño— atópanse ingresados con prognóstico grave. O bombeiro, de 48 anos e con 23 de experiencia no corpo, tivo que ser operado de urxencia ao sufrir un traumatismo nunha perna tras quedar atrapado pola cesta do camión durante o incendio, a cal os axentes sanitarios se viron obrigados a amputar, atopándose agora na Unidade de Reanimación con prognóstico grave.
Pola súa parte, o menor de 3 anos continúa na Unidade de Queimados con prognóstico reservado á espera da evolución das lesións nas vindeiras horas. A súa nai, de 24 anos, segundo informou o persoal médico, presenta queimaduras de terceiro grao, afectando 5% da súa superficie corporal, e unha intoxicación por inhalación de fume. Aliás, na vivenda atopábase un veciño de 19 anos que sufriu unha parada cardiorrespiratoria por mor do fume inhalado.
Os bombeiros denuncian a "falta de persoal"
Os bombeiros de Ferrol levan tempo denunciando a falta de medios na cidade. Esta mesma terza feira alertaban, a través das súas redes sociais, de que na xornada desta cuarta feira só estarían tres bombeiros e un telefonista de garda para atender todo o municipio, coincidindo co mesmo número de bombeiros activos no momento do incendio.
Un dos bombeiros do parque de Ferrol sinalou a Nós Diario que “levamos dous meses sen que se cubran os servizos mínimos, teriamos que ser oito e durante o incendio eran só tres, sen xefe de garda, tendo un dos bombeiros que facer de xefe sen ter formación”. Explica que, á chegada dos bombeiros, a nai e o menor atopábanse na fiestra “a punto de tirarse”, apuntando que debido ao protocolo actual non poden actuar até que cheguen os reforzos, neste caso os de Narón, que se atopan a 20 minutos da cidade. “Pero como non imos actuar ao ver esa situación na que hai vidas en risco?”, cuestiona.
Ante a gravidade do incendio e tras ver como un compañeiro quedaba ferido de gravidade e perdía unha perna, os bombeiros decidiron acudir ás 13 horas ao Concello exixindo reunirse co alcalde, José Manuel Rei Varela, e reclamar explicacións sobre as eivas no servizo. “Estamos xogando a ver se non pasa nada e ao final pasa”, di este bombeiro, ao tempo que denuncia que no servizo esta quinta feira “só eran ser tres bombeiros, e produciuse outro incendio na rúa Madalena... e mañá volven ser só tres”.
Ante as reclamacións dos bombeiros, o rexedor acordou reunirse con eles acompañado do tenente de alcalde, Javier Pastor Díaz, e da concelleira de seguridade, María del Carmen Pieltain. Neste senso, os bombeiros reclamáronlle ao alcalde o soldo íntegro para o bombeiro ferido e a creación dun posto de segunda categoría para el, como por exemplo de telefonista. Unhas reclamaciónsante ás que Rei sinalou "que as ía mirar”.
A oposición pide explicacións
O portavoz local do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, trasladou esta quinta feira o seu apoio e solidariedade ás persoas e familias afectadas polo incendio de Recimil, reclamando tamén explicacións ao alcalde. O nacionalista amosou a súa preocupación polo estado de saúde dos feridos e confiou en que poidan recuperarse “o mellor posíbel” das graves lesións sufridas durante o sinistro.
Aliás, Rivas puxo a formación nacionalista a disposición dos damnificados para “axudar naquilo que se poida”, instando o rexedor da cidade a comparecer para dar conta das circunstancias nas que se produciu o sinistro. Neste senso, o portavoz do BNG exixiu coñecer “os medios cos que se contaba” e como puido acontecer “un feito de tanta gravidade”, subliñando que “sucesos como estes non deberían acontecer nunca”.
Unha demanda compartida polo PSdeG, que destacou a “dilixencia e profesionalidade” demostrada polos servizos de emerxencias, valorando a entrega dos bombeiros “en situacións de extrema gravidade”. Os socialistas demandaron que o Goberno municipal “poña os recursos necesarios para aclarar o acontecido e adoptar medidas que impidan que sucesos tan graves volvan repetirse no futuro”.
Desde Ferrol en Común sinalaron que agardan que se esclarezan ”o antes posíbel” as causas tanto do incendio como do accidente laboral que provocou as lesións do funcionario público, Aliás, reclamaron que o Concello faga pública a dotación de “medios co que se contaba para a súa extinción para así poder tomar as medidas oportunas para que estas circunstancias non volvan a ocorrer”.
O alcalde evita falar da falta de bombeiros e do estado do barrio de Recimil
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rei Varela, compareceu esta quinta feira en rolda de prensa para informar de que polo momento se descoñecen as causas que orixinaron o lume. "Supomos que, tamén ao longo do día, podamos ter as primeiras conclusións. Na primeira visualización non foi fácil de establecer cal foi a causa", sinalou.
Preguntado por se o estado do barrio de Recimil puido influír, o rexedor evitou estabelecer conxecturas, aspuntando que "non sabemos cal é a causa concreta e, por tanto, imos esperar a coñecer as causas concretas polas que se provocou este lume". Aliás, quixo desligar o accidente laboral sufrido polo bombeiro das actuais necesidades de persoal no parque. Aínda que recoñeceu que a administración está a traballar para "incrementar o número de efectivos e cubrir as quendas", subliñou que "iso non ten unha relación directa co que ocorreu".
"Creo que non sería prudente neste momento pedirme a min, nin pedirlle ao xefe de bombeiros, nin á concelleira, nin a ninguén que entre en detalles concretos do sucedido. Hai que ser respectuosos e favorecer a investigación", sentenciou, para, acto seguido, soster que deu instrucións para que todo quede "perfectamente documentado".
A CIG pide a dimisión do alcalde
Ante o accidente sufrido polo bombeiro, a CIG de Ferrol solicitou que a investigación pase ao Servizo de Prevención Municipal, así como a intervención da Inspección de Traballo. Neste senso, a central sindical pediu publicamente a dimisión do alcalde, e das concelleiras de Recursos Humanos e de Seguridade, así como tamén do persoal directivo e responsábel, do coordinador xeral e tamén do xefe de bombeiros.
Desde a CIG denunciaron o "incumprimento das medidas de Prevención de Riscos Laborais, así como que non se impartiu formación sobre o uso do novo camión escaleira, empregado durante o incendio".