A CIG reclama responsabilidades políticas en Ferrol tras o accidente dun bombeiro en Recimil

Vivenda afectada. (Foto: Europa Press)

O sindicato denuncia falta de formación no uso do camión escaleira e anuncia accións legais, ademais de reclamar responsabilidades políticas polo accidente dun bombeiro durante a intervención do incendio en Ferrol deste 20 de febreiro.

A sección sindical da CIG no Concello de Ferrol emitiu un comunicado a raíz do grave accidente sufrido este 19 de febreiro por un efectivo do servizo de bombeiros durante unha intervención. Ante a gravidade dos feitos, o sindicato anunciou medidas legais e unha petición de responsabilidades políticas ao máis alto nivel. A través do seu delegado de Prevención, o sindicato solicitou que a investigación do accidente sexa asumida polo Servizo de Prevención Municipal. Así mesmo, a CIG esixirá participar activamente no proceso e ter acceso íntegro ao informe técnico resultante.

Un dos puntos máis críticos sinalados polo portavoz sindical, Manuel Fernández Lorenzo, é a falta de formación específica. Segundo denuncia o comunicado, os efectivos non recibiran instrución para o manexo do camión escaleira, vehículo que precisamente estaba a ser utilizado no momento do sinistro. A CIG solicitou publicamente a dimisión inmediata do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, das concelleiras responsábeis de Recursos Humanos e de Seguridade, do coordinador xeral e do xefe do servizo de bombeiros, como persoal directivo responsable.

Protocolos

O sindicato aproveitou para alertar sobre unha situación de “carencia” en materia de prevención que consideran estrutural. Aseguran que non existen instrucións de traballo nin avaliacións de riscos para as distintas intervencións (incendios, fugas de gas ou materias perigosas). Ademais, informan de que xa puxeron en coñecemento da Inspección de Traballo diversos incumprimentos nos procedementos de prevención de riscos laborais (PRL), agravados pola falta de operativos nas distintas quendas de traballo.