A Xunta gasta 49 millóns ao ano no concerto de prazas en residencias privadas

A residencia privada DomusVi de Outeiro de Rei foi intervida pola Xunta durante a pandemia (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O Goberno galego vén de confirmar, en resposta a unha pregunta rexistrada no Parlamento polo BNG, que destina cada ano perto de 50 millóns de euros a sufragar prazas concertadas en residencias de maiores de titularidade privada. O número de concertos, 3.450, teríase cuadriplicado desde 2002, mentres as públicas apenas terían medrado 70% no mesmo período.

Segundo datos ofrecidos recentemente pola Asociación estatal de directivas e xerentes de servizos sociais, Galiza é o territorio do Estado cunha menor porcentaxe de prazas públicas en residencias de maiores, con apenas 41%, o que supón que máis da metade son de titularidade privada. Porén, tomando en consideración o conxunto das prazas ofertas en centros residenciais alén das e dos anciáns —centros de atención á diversidade, acollida de menores, etc.—, a porcentaxe é aínda menor: en 2020 só 5.021 das prazas ofertadas totais ofertadas teñen financiamento público fronte ás 16.625 privadas —operadas por entidades sociais ou con ánimo de lucro—, segundo recolle un recente estudo do  grupo de investigación do envellecemento Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Dado que a demanda é elevada por mor do envellecemento da poboación —25% da cidadanía galega é maior de 65 anos— e a pouca oferta para as persoas anciás e dependentes,  a Xunta da Galiza avoga polos concertos en residencias privadas, que no presente ano ascenden a 3.450 das máis de 16.000 de réxime privado.

Así o confirmou nesta cuarta feira a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias do Goberno galego, Blanca García-Señoráns, en resposta a unha pregunta rexistrada na Cámara pola deputada do BNG Olalla Rodil, na que demandaba coñecer "o custo da concertación de prazas en residencias de maiores e outros servizos sociais".

No documento, ao que tivo acceso Nós Diario, García-Señoráns recoñece que esta cifra non fixo máis que medrar desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo a San Caetano en 2009, cando o número de prazas concertadas foi de 2.464, e en 2017, de 3.426. Segundo datos do Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), en 2002 había perto de 900 concertos e arredor de 3.000 prazas públicas. É dicir, segundo estes datos, as prazas concertadas teríanse multiplicado por catro nas últimas dúas décadas, mentres as de financiamento público non terían chegado a duplicarse.

Entre 45 e 50 euros por praza na privada

Cal é 0 custo dunha praza concertada para a Administración? Segundo expuxo a responsábel de Relacións Institucionais, para persoas dependentes ascende a 52,42 euros por día (IVE incluído), e sitúase en 45 euros no caso das autónomas. Isto supón que o Goberno galego paga até 19.133 euros ao ano por unha praza concertada nunha residencia privada.

"Aos efectos de dar resposta ás necesidades de atención residencial para persoas maiores, a Xunta destina un orzamento aproximado de 49 millóns de euros anuais á concertación", alegou García-Señoráns. Deste cálculo ficarían excluídas as prazas concertadas en centros de atención á diversidade e outras modalidades ofertadas polos Servizos Sociais.

Aliás, o Executivo galego ten concedidos actualmente máis de 5.000 'Bonos Autonomía' de atención residencial, un plan dotado con algo máis de seis millóns de euros: "Estas prestacións económicas están orientadas a axudar no pagamento dunha praza nunha residencia privada que elixa a persoa beneficiaria, e tamén facilita o acceso a un recurso residencial para aquelas persoas con dependencia que se atopan á espera dunha praza pública", xustificou.

Residencias financiadas por Amancio Ortega

No seu escrito, Blanca García-Señoráns tamén salientou o "impulso á ampliación da rede pública" que suporán as 900 prazas dos sete centros residenciais para persoas dependentes que se están a construír nas sete cidades da man da Fundación Amancio Ortega: "Suporán un avance significativo na ratio de cobertura das necesidades de atención residencial das persoas maiores [á espera dunha praza]", sostivo. Aínda sumando esas prazas, a diferenza entre as públicas e as privadas seguiría a ser especialmente elevada.