A Xunta di que non admitirá novos eólicos en ano e medio agás ter unha "clara incidencia económica"

Explotación gandeira ao carón de muíños eólicos (Nós Diario).

Aumenta a distancia ás poboacións.

A Xunta non admitirá durante ano e medio -a partir da entrada en vigor en 2022 da lei de acompañamento aos orzamentos- novas solicitudes de parques eólicos, aínda que se exceptúa desta moratoria "aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función  vertebradora e  estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta".

Así figura no texto que esta cuarta feira remitiu o Goberno galego ao Parlamento, no que se recolle que esta medida tómase "debido ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de megawatts prevista nestes proxectos".

Igualmente, o proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas aclara que esta decisión "non impedirá a modificación dos proxectos xa admitidos a trámite".

Ademais, estipúlase que, ante eventuais  desestimentos ou renuncias de solicitudes xa presentadas, o Consello da Xunta poderá reabrir "temporalmente" o prazo para presentar novos proxectos "utilizando como referencia os megawatts en trámite".

Segundo o Goberno galego, decídese frear estes proxectos durante 18 meses para unha "ordenación racional do sector". Todo iso nun contexto no que se producen numerosas protestas de plataformas veciñais e ambientais en contra de proxectos eólicos por incidencia sobre o territorio.

Xunto a isto, amplíanse as distancias para a instalación de aeroxeradores respecto a núcleos de poboacións, de forma que terán que estar a 500 metros ou a cinco veces a altura total do aeroxerador (incluídas as pas).

En setembro pasado Adega cifraba en máis de 200 os proxectos eólicos tramitados pola Xunta e polo Estado. A asociación ecoloxista di “Así non” a moitos dos proxectos eólicos en tramitación, sustentados nun Plan eólico “desfasado” e que non atende as peculiaridades da Galiza. 

Só desde o pasado mes de agosto o Diario Oficial da Galiza (DOG) e o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleron 27 novas solicitudes de parques eólicos no país. Deles, 14 están a ser tramitados a través da Xunta da Galiza.