A Xunta anuncia un protocolo para as liberdades sexuais após deixar o PP sen contido a lei LGTBi

Ao fío da agresión homófoba acontecida en Compostela, Educación avanzou a aprobación de novas medidas. Organizacións LGTBi convocan concentracións de repulsa. 

A deputada do BNG, Carme Adán, denunciou a agresión homófoba acontecida en Compostela o 8 de febreiro en sede parlamentar e preguntou ao conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria polas medidas que pensa adoptar a Xunta de Galiza para evitar que volvan acontecer casos como o vivido por A.R. e R.B., do que deu conta Sermos Galiza

O conselleiro, Román Rodríguez, condenou o suceso e asegurou na súa intervención que o goberno galego está a preprar un protocolo para as liberdades sexuais. Unha ferramenta, dixo, que atinxirá "todo o que ten a ver" coa liberdade na identidade de xénero. Porén, non explicou cal será o contido do mesmo. 

A Consellaría de Educación sinalou que facilitarán "aos centros euducativos un protocolo" co que "facilitar as actuacións" en materia de liberdades sexuais e de xénero nas aulas

Sermos Galiza púxose en contacto coa Consellaría de Educación para coñecer o contido do protocolo anunciado. Neste senso, informaron que teñen previsto "en próximas datas facilitar aos centros educativos un protocolo que permita unha resposta acaída na garantía do dereito á identidade de xénero, a través dunhas orientacións que guíen e faciliten as actuacións en materia organizativa e de resposta do sistema educativo". Isto é, protocolos de tránsito social que lle foron reclamados por Arelas, a Asociación de familias con crianzas transexuais. 

Destarte, na súa intervención Román Rodríguez subliñou que Galiza aprobou en 2014 a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de Lesbianas Gais Transexuais Bisexuais e Intersexuais. A primeira no conxunto do Estado español. Un texto que contou co apoio de PP, PSOE e BNG mais coa abstención de AGE e do Grupo Mixto xunto co rexeitamento dos colectivos LGTBi de Galiza que mesmo promoveron manifestos contrarios á norma e concentracións. 

Sen sancionados

No cerne do debate sitúase a supresión por parte do Partido Popular do capítulo de sancións que punirían os crimes de odio por razón de identidade sexual ou de xénero, condición imposta polo PP durante o proceso de tramitación parlamentar. 

Os colectivos LGTBi denuncian que a lei actual non recolla categorías como "lesbiana" e suprimise un réxime sancionador específico para estes delitos de odio

"Trátase finalmente dunha declaración de intencións como a Declaración dos Dereitos Humanos", asegurou R.B. en conversa con Sermos Galiza durante o relato da agresión sufrida polo seu compañeiro na capital galega. De igual maneira, na altura do debate parlamentar, os colectivos e organizacións LGTBi denunciaban que se trata dunha norma "baleirada de contido", " cun nome que induce a engano e que se converterá nun documento propagandístico para o PP", recolle o manifesto Nós Mesmas. 

A modificación parlamentaria transforma o proxecto inicial que avanzaba na protección e garantías non discriminatorias para o colectivo e que foi feito desde o diálogo coas asociacións LGTBI nunha lei “cortina” que non implica ningún avance real nos dereitos das persoas LGTBI", acrecentaban. 

E é que o texto finalmente aprobado suprime diversos artigos da proposta inicial presentada polo PSdeG-PSOE referidos á definición de categorías como orientación sexual, identidade de xénero, sexo, xénero ou lesbiana. Así mesmo, foi suprimido o artigo 6 referido á carga de proba nas denuncias por delitos de odio o que obriga á persoa denunciada a probar que non discrimina. De igual maneira, ficou excluído un réxime sancionador específico para delitos contra a liberdade sexual e de xénero polo que fican en mans da Valedoría do Pobo a súa tramitación, malia que esta institución denunciou o pasado ano nun extenso informe a falta de medidas específicas para evitar e punir estes delitos o que leva moitas persoas a non os denunciar. 

Convocan unha concentración no Obradoiro (Compostela) na sexta feira ás 12h

Concentración

Neste contexto, organizacións e colectivos LGTBi como Ultreia convocaron unha concentración na capital galega esta sexta feira (12 de febreiro) ás 12h na Praza do Obradoiro en "repulsa" pola agresión homófoba e "en apoio ás vítimas". Aliás, queren enviar con esta mobilización "unha mensaxe clara e inequívoca de que a sociedade compostelá non quere unha cidade onde se cometa ningún tipo de agresión de LGTBIfobia" tipificada, lembran, no Código Penal como "delitos de odio".