AGRESIóN HOMóFOBA EN COMPOSTELA

"Berraban 'maricón voute matar'"

A.R. foi agredido nun supermercado da capital galega e perseguido até o centro hospitalario no que foi atendido polos golpes.

Os acontecementos tiveron lugar por volta das 21.20h., na segunda feira (8 de febreiro). Mentres paseaba o can e ía facer unhas compras ao supermercado que se atopa no barrio, A.R. foi agredido pola súa orientación sexual. "Había un can na porta, ladrou e A.R. preguntou de quen era", explica en conversa con Sermos Galiza o seu compañeiro, R.B. "Desúpeto un home saíu e comezou a chamarlle maricón e a ameazalo", afirma. "A.R. estaba flipando e sacoulle unha foto", para o denunciar. 

O seu agresor é unha persoa do barrio. "A.R. empurrouno e entrou no supermercado". Unha vez no interior "saltou por riba da caixeira e bateu nel cos puños". O home caeu ao chan mentres lle berraba "maricón sidoso de merda, agardo que non me contaxies nada, voute matar". Insultos "homófobos e sidofóbicos", explica R.B., "imaxino que as cámaras do supermercado teñen todo gravado. 

Os agresores seguiron até o hospital a A.R. onde continuaron a insultalo e ameazalo mesmo en presenza da policía 

Após chamar á policía e unha ambulancia, R.B. acudiu ao supermercado alertado por A.R. "Eles seguían insultando e a policía nacional e a local estaban a tomar os dados" nunha actitude que describe como "pasando de todo aínda que os tipos non se cortaban nada", sinala. 

A.R. foi trasladado en ambulancia até o centro hospitalario para ser atendido das magulladuras e golpes que lle propinaron. "Saímos fumar un cigarro para se tranquilizar e nese intre chegaron os agresores berrando 'que nos des a foto, maricón'". Perante a nova agresión interveu a seguridade do hospital e mesmo persoal sanitario que se atopaba alí. "A A.R. metérono nunha consulta e chamos a policía". Daquela, "xa o tomaron algo máis en serio mais aínda así...", apunta. "Tivemos que saír do hospital nun taxi e case escoltados" pois a policía non lles impediu permanecer alí, "dicían que non vían ningunha agresión". 

Delito contra a liberdade sexual

Foron presentar denuncia á saída do hospital, porén, ningunha das testemuñas quixo acompañalos á comisaría para prestar declaración. "A soidade que sempre acompaña á vítima", di R.B. "Xa se encargará o xuíz de investigar e chamalos a todos". Na denuncia especifícase que se trata dun "delito de violencia contra a liberdade sexual"

Aínda hai unha cuestión cultural que fai crer que podes pegar a un marica ou un gordo sen que pase nada, a xente non se actualiza como un software

Após o acontecido, aseguran que se están a pensar a posibilidade de cambiar de domicilio. A.R. non é a primeira vez que foi ameazado embora non presentar denuncia con anterioridade. "Viven ao lado e esta xente está enferma", di, como evidencia que "actuaron publicamente". "Xa vivín isto de neno, sei de que vai o rollo, sei que é que te ataquen por ser maricón e que busquen excusas para facelo", afirma. "Vivímolo todos os colectivos LGTBi e ten a mesma raíz que o machismo". 

Para R.B. estase a producir un "repunte" das agresións como resultado dun "importante retroceso" que atribúe en boa medida a mudanzas legais que, no entanto, non supuxeron mudanzas culturais, sociais. "Hai 10 anos que se aprobou a lei de matrimonio igualitario e aínda pasan estas cousas", sinala. 

Aliás, R.B. fai referencia á Lei de non discriminación LGTBi e na que "o PP encargouse de eliminar todas as cuestións prácticas e sancións", a "tipificación de delitos" o que a deixa sen "aplicación legal", sinala. 

"Aínda hai unha cuestión cultural que fai crer que podes pegar a un marica ou un gordo sen que pase nada, a xente non se actualiza como un software", apunta.