A Xunta anuncia que mantén o calendario das oposicións

"Por respecto aos miles de persoas opositoras que nestes momentos están realizando un esforzo para prepararse nunha situación tan complexa como a que estamos a vivir, é manter o proceso", informou a Consellaría de Educación, ante o rexeitamento das organizacións educativas.

"Póñome en contacto convosco para facervos chegar a posición da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional arredor da celebración das probas da Oferta Pública de Emprego de Educación de 2020. A nosa vontade, por respecto aos miles de persoas opositoras que nestes momentos están realizando un esforzo para prepararse nunha situación tan complexa como a que estamos a vivir, é manter o proceso, xa que aínda se está en prazo para levalo a cabo".

Así comeza a carta enviada ás organizacións da comunidade educativa, datada en 8 de abril e asinada pola conselleira de Educación, Carme Pomar Tojo.

Con todo, sinala que "en función das indicacións das autoridades sanitarias, logo de que finalice o novo período de Estado de Alarma, se non se puidesen desenvolver con normalidade e garantías para a saúde de todas e todos os participantes, procederiamos a revisar os prazo".

As oposicións convocadas polos diferentes Gobernos autonómicos do Estado foron sendo canceladas nos últimos días.

Deste modo, as de Educación da Xunta son as únicas que se manteñen para antes do verán. Algunhas organizacións sindicais xa mostraron o seu rexeitamento á decisión.