CIG-Ensino fala de “incompetencia” e pide a convocatoria urxente da mesa sectorial

CIG-Ensino

Demanda a convocatoria "con carácter de urxencia" dunha Mesa Sectorial de Educación para tratar todo o relacionado coas oposicións e coa finalización do curso académico, "toda vez que o profesorado galego non foi consultado a través do seus representantes en todo este tempo de situación excepcional pola Covid-19".

A central maioritaria no ensino público na Galiza fala de “incoherencia e falta de rigor” da Consellaría de Educaciónpor manter a convocatoria das oposicións nas datas previstas, é dicir a partir do 20 de xuño, sempre que se levante o estado de alarma tras a seguinte prórroga, que remata o 26 de abril.

O sindicato lémbralle á conselleira que no comunicado que enviou ao Ministerio de Educación e Formación Profesional “mantiña a celebración dos procesos selectivos nas datas previstas se o próximo 11 de abril se levantaba o estado de alarma”.

Así pois, prosegue CIG-Ensino, tan só oito días máis tarde a Consellaría “prolonga a incertidume e a agonía nestes momentos de miles de aspirantes que seguen sen saber a que aterse”.

Desde a CIG-Ensino, indican, “só podemos interpretar a actitude da Xunta de Galiza neste asunto, toda vez que o resto de CCAA xa teñen tomada e comunicada oficialmente unha decisión a este respecto, como unha "incapacidade de comunicación patolóxica" que nos leva a pensar que estamos ante “irresponsábeis e incompetentes políticos”.

Mesa Sectorial de urxencia

O sindicato demanda que se convoque de inmediato e con carácter de urxencia unha Mesa Sectorial para tratar coas organizacións sindicais todo o relacionado coas oposicións e coa finalización do curso académico, “xa que case un mes despois da suspensión das clases o profesorado galego segue a ser ninguneado e ignorado e non foi en ningún momento consultado por parte dos seus representantes”.