Alerta laranxa nas comarcas do Ribeiro, Celanova, Ourense e O Carballiño por temperaturas de até 40 graos

Unha muller protéxese do sol nunha ponte da cidade de Ourense. (Foto: Agostime / Europa Press)
Os concellos afectados, a partir desta terza feira, son Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Melón, Carballeda de Avia, Leiro, San Amaro, Punxín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Barbadás, Toén, Cartelle, Cenlle, Beade, Ribadavia e Castrelo de Miño.

A Dirección Xeral de Emerxencias vén de activar, de cara ao mediodía desta terza feira, a alerta laranxa por altas temperaturas na contorna do Miño ao seu paso pola comarca de Ourense e arredores. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), agárdase que as maiores temperaturas derivadas da vaga de calor comecen a facerse sentir ao fío do mediodía, con temperaturas máximas de até 40 graos nalgúns puntos.

Entre tanto, esta segunda feira permanece activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta mesma zona, nomeadamente nos municipios de Padrenda, Pontedeva, Cortegada, A Arnoia, Melón, Carballeda de Avia, Leiro, San Amaro, Punxín, Ourense, O Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, Taboadela, San Cibrao das Viñas, Barbadás, Toén, Cartelle, Cenlle, Beade, Ribadavia e Castrelo de Miño, que pasarán a laranxa esta terza feira.

Concellos con aviso por altas temperaturas.

Tamén durante esta xornada o aviso é de nivel amarelo nas Rías Baixas e na zona do Miño no suroeste do país, nomeadamente as comarcas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño, con temperaturas que poden alcanzar os 35 graos. Esta terza feira, alén da alerta laranxa na zona do Miño próxima a Ourense, o nivel amarelo estenderase ao resto da provincia, a toda a provincia de Pontevedra e ao interior e o suroeste da Coruña, por máximas de entre 34 e 38 graos, segundo a zona.

Pola súa parte, Meteogalicia estende o aviso laranxa por temperaturas superiores a 39 graos a Valdeorras e Baixo Miño, O Condado e A Paradanta entre as 15 e as 21 horas desta terza feira.

Por este motivo, e co obxectivo de "garantir a seguridade dos bens e as persoas", a Xunta informou da situación aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, entre outros, e instounos a adoptar medidas fronte á vaga de calor.

Recomendacións

Ante este episodio de altas temperaturas, recoméndase extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerábeis, como persoas maiores, crianzas, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao ar libre.

Recoméndase limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura. É tamén aconsellábel manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol.