Unha noite calorosa como antesala da vaga de calor: estas son as temperaturas agardadas para hoxe

Ourense será de novo a cidade con maiores temperaturas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Ourense alcanzará os 38 ºC ao longo da tarde e os valores máis baixos serán os da Mariña, próximos aos 20 ºC.

Boa parte da metade sur do país rexistrou na madrugada desta segunda feira, 7 de agosto, temperaturas máximas superiores aos 20 graos, con algúns municipios mesmo por riba dos 23 ºC. Segundo os valores máximos de Meteogalicia, a marca da noite obtívoa o concello das Neves (O Condado), onde a estación meteorolóxica de San Nomedio notificou 24,6 graos pasadas as 2.30 horas da mañá. Sobre esa hora, Fornelos de Montes (comarca de Vigo) rexistraba tamén 24 graos.

Ademais, o porto de Vigo notificou 23,9 graos pasadas as 2 horas desta madrugada, mentres a estación de Castrove, en Poio (comarca de Pontevedra), marcaba 23,6 ºC pouco antes das 3h. Do mesmo modo, no Rosal (Baixo Miño), os medidores situados nas Eiras notificaban 22,9 graos ao fío das 2.10h.

Estas foron as primeiras horas dunha xornada na que se agarda un notábel ascenso das temperaturas que provocará unha alerta amarela ao longo de toda a tarde por valores superiores aos 36 graos na zona do Miño nas comarcas de Ourense e arredores.

Por cidades, prevese que a capital das Burgas alcance un pico de 38 graos, mentres que Pontevedra estará na contorna dos 35 ºC e Vigo, nos 34 ºC. Pola contra, espéranse máximas algo máis febles no resto de cidades: de 29 ºC en Santiago, de 28 ºC en Lugo, de 26 ºC na Coruña e de 25 ºC en Ferrol.

Até as 10 horas desta mañá, as temperaturas máximas rexistradas superaron xa os 22 graos en varios puntos do sur do país, e os 20 ºC nas comarcas do Barbanza, Noia e Muros e en municipios das comarcas lindeiras con Portugal, como A Limia e Verín.

Os servizos de meteoroloxía sinalan esta como a primeira gran vaga de calor no que vai de verán na Galiza, que se estenderá previsibelmente até esta quinta feira, 10 de agosto. Os valores máis baixos rexistraranse na Mariña, próximos aos 20ºC.