A Xunta afirma que a auga de Betanzos xa é apta para o consumo

Tanto a empresa Viaqua como a Xunta da Galiza tomaron mostras da auga para determinar a orixe do brote. (Foto: Nós Diario).

As probas realizadas nos oito puntos son, segundo o Executivo galego, favorábeis e permiten levantar a recomendación de restricións para o consumo humano

As analíticas realizadas a pasada segunda feira en oito puntos, tanto nos depósitos de cabeceira como na rede de traída de augas municipal, do Concello de Betanzos (comarca das Mariñas) determinan que os parámetros químicos e microbiolóxicos son correctos para o consumo humano, o que permitirá levantar a recomendación de restricións realizada tras detectarse a presenza de Norovirus hai 29 días.

Diso informou a Xunta da Galiza nun comunicado, no que explica que os resultados destas probas foron comunicados polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, á alcaldesa da vila, María Barral.

Tras os resultados favorábeis obtidos, a empresa xestora desenvolverá un plan de seguimento analítico reforzado. Así mesmo, a Consellaría de Sanidade reforzará a vixilancia sanitaria do abastecemento para asegurar a calidade da auga e fará as analíticas de verificación que sexan necesarias.

O pasado 21 de xuño, o Concello de Betanzos, onde se detectou un gromo de gastroenterite, confirmaba contaminación fecal da auga da traída da localidade. As analíticas encargadas pola empresa concesionaria da rede de abastecemento de auga de Betanzos (comarca das Mariñas), detectaron "restos fecais, de orixe humana, con presenza de Norovirus" en augas do río Mendo.

Así o informou o consistorio que explicou que as tomas foron recollidas "durante a noite do pasado día 13 e a mañá do 14 cando se produciu a última vertedura detectada ao río Mendo". Ao mesmo tempo, aseguraba que se trataba "do mesmo virus que ocasionou o gromo de gastroenterite e polo que a auga da rede de abastecemento segue sendo non apta para o consumo".

En consecuencia os resultados das análises elaboradas polos laboratorios 'Labaqua' serán achegados á denuncia que presentará o Concello de Betanzos no xulgado para que se investigue "a vertedura que foi detectada polos servizos de control e seguimento de Viaqua na zona de captación de auga".

Así, a orixe do foco de contaminación que orixinou un gromo de gastroenterite en Betanzos e que, segundo a Xunta da Galiza, xa está resolto, aínda non está determinada.