A Xunta adía o inicio do curso no ensino secundario

Estudantes de Bacharelato do IES Vilar Ponte de Viveiro durante as probas da ABAU (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade decidiu adiar unha semana o inicio do curso en Secundaria. A protesta en bloque exercida por centros de ensino de Compostela, Pontevedra e A Coruña obrigou a Xunta a atrasar até o día 23 a apertura das aulas, que se han de adaptar ao contexto da Covid-19 atendendo a criterios renovados, os terceiros en menos de dous meses. Malia o prazo extra para organizar o regreso aos institutos, direccións e profesorado sinalan falta de información e concreción.

O curso nos centros de ensino secundario vai comezar o 23 de setembro, unha semana máis tarde do previsto segundo avanzou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. A decisión responde aos "problemas organizativos" manifestados polos equipos directivos e de profesorado, que agora gañan algo de tempo para "converter os espazos educativos en espazos seguros ante a Covid-19". O regreso, dixo, será progresivo a partir desa data. 

Vaivén de criterios

A seis días para a apertura das aulas en Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional, acordada inicialmente para o 16 de setembro, o novo titular de Educación ofreceu "aos centros educativos que impartan Bacharelato e Formación Profesional de grao superior optar pola semipresencialidade durante o ano académico 2020-2021, se así o precisan". Fíxoo na xuntanza do Consello Escolar da Galiza, reunido poucas horas antes de que o alumnado de Infantil, Primaria e Educación Especial regresase ás escolas.

Unha proposta que sinalaba o Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 como "un punto de partida inicial" e que viña mudar, por segunda vez, as regas para a adecuación dos centros educativos á nova realidade.

De feito, o anuncio do conselleiro de Educación coincidiu no tempo con outro que se encargou de trasladar aos equipos directivos Inspección Educativa. Un novo criterio para a organización das aulas de secundaria que "inclúe a posibilidade de colocar pantallas de metacrilato entre o alumnado, de forma que non sería preciso gardar a distancia de 1,5 metros entre postos". 

Abondaría con un metro, sinala o comunicado remitido a varios centros educativos dependentes da xefatura territorial da Coruña, no que o inspector de zona xa lles avanzaba que a implantación destas novas medidas "mesmo poderían xustificar un adiamento do inicio do curso".

Protesta en bloque

A confirmación chegou, após a protesta en bloque dos institutos de Santiago de Compostela, Pontevedra e A Coruña apoiada por outros centros educativos a título particular.

Os equipos directivos dos institutos de Compostela foron os primeiros en amosar a súa desconformidade cos cambios avanzados pola Consellaría mais tamén coa falta de información sobre a cota de docentes coa que van contar este curso ou sobre a aceptación de quendas e horarios solicitadas, "o que fai imposíbel organizar os horarios do profesorado, asignar os espazos ao alumnado e, en consecuencia, abrir o centro o día 16".

Unha eiva que seguen exhibindo as direccións dos centros de Secundaria malia coñecer que dispoñen dunha semana extra para preparar o inicio do curso. "Era necesario adiar o comezo pero seguimos sen coñecer a cota de profesorado da que imos dispoñer. E mentres non a teñamos non podemos empezar a organizar o centro", asegura Óscar Couto, director do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela en declaracións a Nós Diario. "Non é o mesmo desdobrar 1º e 2º da ESO e facer semipresencialidade a partir de 3º que desdobrar os catro cursos da ESO e facer semipresencial o Bacharelato. O que é seguro é que desde que anuncien a cota, necesitamos unha serie de días para acomodalo todo. E por cada día que atrasen a súa publicación necesitaremos un día máis".

Pretenden que o Bacharelato sexa semipresencial, coa metade do alumnado na instituto e a metade na casa.

Couto ve difícil que a Consellaría poida divulgar a lista definitiva do Concurso de adxudicación de destinos provisionais (CAPD) "cando os centros aínda non podemos pedir profesorado porque non sabemos canto temos que pedir". "Estamos absolutamente desinformados", recalca.

No caso do IES Eduardo Pondal, se as pantallas de metacrilato fosen obrigatorias cunha distancia de un metro entre alumnado, "non necesitariamos un incremento da cota de docentes. Se autorizasen os desdobramentos precisaríamos arredor de nove. E se vamos á semipresencialidade, terán que dicirnos que grupos e en que condicións, porque entendo que para 1º e 2º da ESO non é legal, con alumnado menor de 14 anos". Este terceiro escenario, di Óscar Couto, volvería cambialo todo.

Ás cegas

Malia os intentos da Xunta de acomodar os prazos ás necesidades organizativas dos institutos de Secundaria, os equipos directivos e de profesorado manteñen que seguen traballando "ás cegas", sen información suficiente para traballar sobre seguro. "Coa que está caendo, non se entende esta improvisación. Demostra que non saben nada do que custa arrancar e xestionar un centro escolar, con tres directrices distintas en mes e medio, todo por non investir en persoal e recursos", apuntan a Nós Diario docentes preocupados polo desprezo que transmite a Administración con tanto "bandazo", polo traballo previo do persoal educativo e polas familias, "cando debería estar xerando confianza".

Pantallas e presencialidade

"Nós non imos optar por colocar pantallas. Ten que ser a Consellaría a que se responsabilice da licitación, compra e instalación das mesmas, porque o centro non pode asumir a colocación das 650 que precisa. É inviábel", asegura o director do IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela, quen mantén como única solución válida, a día de hoxe, o desdobramento, a sabendas de que está "practicamente descartada porque se lles vai das mans".

Confírmano desde algúns centros de Secundaria, que xa recibiron unha chamada de Inspección Educativa para confirmarlles que non van recibir profesorado a maiores para poder contar con grupos reducidos e garantir a distancia de seguridade de 1,5 metros. "Ademais, pretenden que o Bacharelato sexa semipresencial, coa metade do alumnado no instituto e a metade na casa, seguindo a retransmisión da clase por vídeo". De se confirmar, engaden, volverán bater coa falta de recursos xa que "os centros non dispoñen de equipos para facer iso".