A Xunta activa os niveis de alerta 2 e 3 por altas temperaturas e suspende a actividade deportiva federada no exterior
Ourense superou ás 15.30 horas o valor máximo rexistrado este sábado ao alcanzar os 41.8ºC e co paso das horas abeirou os 43ºC.
A Xunta da Galiza, no marco do seu plan de actuacións fronte aos posíbeis efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vén de activar os niveis de alerta 2 e 3 por episodios de calor en diferentes puntos do territorio. Así, segundo apuntou o Executivo galego nun comunicado, a onda de calor que comezou a pasada sexta feira e que motivou á activación do nivel de alerta 1, pasa agora aos seus niveis 2 e 3 en distintas zonas da comunidade; unha situación de risco que segundo estima, se vai manter até a vindeira terza feira, día 1 de xullo.
En concreto, o nivel 3 está activado en concellos das comarcas do Baixo iño, Vigo, O Condado, A Paradanta, O Ribeiro, O Carballiño, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, A Limia, Allariz, Verín, Viana, Chantada, Terra de Lemos, Quiroga e Valdeorras.
Durante o día de hoxe continuamos con temperaturas moi altas, con lixeiros ascensos respecto á xornada de onte, superándose mesmo os 40ºC no Miño de #Ourense. Moita precaución!
— MeteoGalicia (@MeteoGalicia) June 29, 2025
Ver avisos: https://t.co/NuKY2jEtL5 pic.twitter.com/okrHjZ8cmL
Pola súa parte, o nivel 2 de alerta está activado en zonas do interior, desde a comarca de Vigo cara ao norte, até a comarca de Ordes, e desde esta cara o leste: As Mariñas, Terra Chá, Meira e A Fonsagrada. Desde aquí o aviso esténdese cara ao sur, polos Ancares, Sarria até as bisbarras de Quiroga e Valdeorras; o que envolve dentro desta alerta todos os municipios de Lugo, O Deza, A Ulloa, Melide, Arzúa, Terra de Montes e Compostela.
Este domingo, entre as 15 e as 15.30 horas, os valores máximos rexistrados por MeteoGalicia xa superan as marcas anotadas este sábado a media tarde. Así. Ourense superou ás 15.30 horas a temperatura rexistrada este sábado e alcnzou os 42.8ºC unha hora máis tarde. Nese momento Arnoia (O Ribeiro), anotou 41ºC, ao igual que Vilamartín de Valdeorras. Ribas de Sil (comarca de Quiroga) e Leiro (O Ribeiro), rexistraron 40.8ºC.
Suspensión da actividade deportiva federada
Neste contexto, a actividade deportiva federada no exterior queda suspendida pola alerta laranxa por episodio de calor durante esta xornada e a segunda feira. Así, fican afectados por esta restricción os municipios de Amoeiro, Avión, Beariz, Boborás, O Carballiño, Coles, O Irixo Maside, A Peroxa, Piñor, San Cristovo de Cea e Vilamarín; os concellos da contorna do río Miño: Arnoia, Barbadás, Beade, Carballeda de Avia, Cartelle, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón, Nogueira de Ramuín, Ourense, Padrenda, O Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Punxín, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, Taboadela e Toén.
Con alerta laranxa tamén figuran os municipios montañosos do Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, Pobra de Trives, Riós, San Xoán de Río A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
Máis no interior, Agolada, Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama,Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Tamén Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada; máis os de montaña de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.
Recomendacións
Ante este episodio de calor, a Consellería de Sanidade lembra que os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e crianzas menores de catro anos; persoas con enfermidades cardiovasculares, con diabetes mellitus, con enfermidade pulmonar obstructiva crónica, insuficiencia renal, párkinson, Alzheimer ou patoloxías similares, así como persoas con enfermidades psiquiátricas.
Tamén todas aquelas persoas que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas persoas que pasan varias horas en exteriores.
Así Sanidade recomenda beber máis líquidos sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; usar roupa de tecidos naturais, lixeira, chapeu, lentes de sol e cremas protectoras, entre outras recomendacións. En caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recomendan solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.
