A Xunta activa alerta laranxa por altas temperaturas en Lugo e Ourense

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para hoxe a alerta laranxa por altas temperaturas nas comarcas de Lugo e Ourense.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece cara o mediodía con temperaturas que poderán acadar os 40 graos na zona do Miño e no sur da provincia de Ourense, mentres que na Ribeira Sacra o nivel de aviso tamén será laranxa por máximas de 39 graos.

Ademais, estará activa a alerta amarela por altas temperaturas no noroeste e nas zonas de Valdeorras e de montaña da provincia ourensá, así como nas comarcas do centro de Lugo. Neste caso, as temperaturas máximas oscilarán entre os 34 e os 38 graos.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes “ante este episodio de altas temperaturas, recomenda extremar as precaucións, especialmente entre os colectivos máis vulnerábeis”

Neste dirección, o comunicado da administración galega advirte dos riscos para “persoas maiores, nenos, persoas con enfermidades crónicas e tamén no caso de persoas que realizan traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre”.

A Xunta recomenda “limitar a exposición o sol, manter unha boa ventilación e ter en conta os cambios de temperatura.

O Goberno aconsella “manter unha hidratación adecuada, tomar comidas lixeiras, cubrir a cabeza e evitar exercicios físicos prolongados ao sol”. Nesta liña, lembra que “ nunca debe deixarse a nenos  e nenas ou persoas maiores no interior de vehículos pechados”.