A Xunta acorda paralizar as obras do parque eólico na Serra do Iribio

Serra do Iribio
A resolución emitida pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas suspende de forma provisional todas as actuacións administrativas relacionadas co proxecto desde o ano 2007 e ordena a paralización inmediata de todas as obras que Fergo Galicia Vento S.L. está a realizar na Serra do Iribio.

A resolución da Consellaría de Industria, con data do 22 de outubro de 2019, prodúcese ao abeiro do auto ditado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), que suspende de forma cautelar o acordo da Xunta para a construción do parque eólico mentres non se actualice a declaración de impacto ambiental (DIA) nin se xustifique o uso industrial “pretendido pola Xunta”.

Á vista da argumentación expresada do TSXG, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas acorda no seu escrito estender os efectos das disposicións xudiciais a todas as actuacións administrativas causalmente vinculadas ao acordo da Xunta agora suspendido, sexan anteriores ou posteriores.

Dunha banda, resolve “suspender de xeito temporal a Resolución do 31 de maio de 2007, da Consellaría de Innovación e Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución, se declara a compatibilidade cos permisos de investigación, (...) se inclúe no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e se declara a utilidade pública, en concreto das instalacións do proxecto do parque eólico Serra do Iribio situado nos concellos de Samos e Triacastela”. Doutra, ordena a paralización inmediata de todas as obras que Fergo Galicia Vento S.L. leva a cabo nesa zona.

Ao mandato da Xunta de paralizar as obras, súmanse os dos dous concellos afectados, Samos e Triacastela, que nas últimas horas procederon a comunicarlle á empresa a súa decisión de suspender senllas licenzas municipais de obras.

Optimismo entre as defensoras da Serra do Iribio

“É o principio da fin do proxecto”, asegura Belén Rodríguez, secretaria executiva de Adega, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, en declaracións a Sermos Galiza. “A xustiza obriga a someter o proxecto a unha nova avaliación de impacto ambiental, que é imposíbel que supere, xa que a lei prohibe construír parques eólicos en espazos da Rede Natura”.

Desde a asociación ecoloxista lembran, ademais, que o auto do TSXG exixe que a Administración xustifique a prioridade do uso industrial fronte ao uso público da preservación do medio natural; e pídenlle a todas as autoridades competentes unha vixilancia rigorosa co fin de que se cumpran todas as disposicións xudiciais e as ordes que as acompañan.

Cautela ante unha empresa afeita a ignorar a lei

“Nós non nos fiamos. Estamos a falar dunha empresa cun historial contrario ao cumprimento da lei. É a mesma que iniciou as obras no monte Iribio sen os permisos exixidos. Sen as licenzas municipais nin autorización de Industria. E a responsábel dun cambio no trazado do proxecto sen consentimento previo. De feito, seguen accedendo ao parque eólico por un cambio que non estaba previsto e que mudaron ao seu antollo, nunha área da Rede Natura recoñecida como Ben de Interese Cultural (BIC) Camiño de Santiago” explica Belén Rodríguez.

A secretaria executiva de Adega recoñece o impacto negativo que as últimas decisións xudiciais e administrativas teñen para os intereses da empresa promotora. "Seguro que non vai quedar de brazos cruzados, por iso somos cautelosas. O seu obxectivo é rematar o proxecto antes do 31 de decembro deste ano. De non cumprir ese prazo, as opcións de manter un proxecto viable esvaeceranse, ademais de perder o seu sitio no réxime especial de produción de enerxía eléctrica".

De non acatar as resolucións dos últimos días e as ordes de paralización das obras, Adega, entre outros colectivos ecoloxistas e sociais da plataforma Salvemos O Iribio, recorrerá a vía penal “porque estariamos diante dun delito de terrorismo ecolóxico contra os valores naturais protexidos desa serra; e ante un delito de prevaricación se a Xunta non fai cumprir os mandatos das disposicións xudiciais”.