A Xunta achegou este ano 100 millóns de euros as residencias privadas

A residencia privada DomusVi de Outeiro de Rei foi intervida pola Xunta durante a pandemia (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Xunta da Galiza destinou nos orzamentos de 2023 perto de 100 millóns de euros para financiar as residencias privadas de maiores. As axudas públicas ao sector privado contrasta cunha caída continuada do investimento no sistema galego do benestar.

 

O Goberno galego subvencionou con 100 millóns de euros en 2023 aos centros privados de maiores. A contía atópase na mesma liña do achegado no pasado exercicio e incide nun modelo que se amosou letal durante a pandemia.

Os datos de persoas falecidas durante a pandemia certifican que 90% finaron en residencias de xestión privada. A este respecto, as porcentaxes máis elevadas de mortes déronse naqueles centros residencias de maior tamaño.

Galiza a última en prazas de residencia

O número de prazas de residencia sitúase da Galiza á cola do Estado. Segundo os dados do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellaría de Política Social, Galiza dispón de 24.819 prazas para maiores, incluíndo xeriátricos e pisos tutelados.

A asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais revela que só rexistra peores cifras que Galiza, Andalucía e País Valenciá, uns territorios que presentan unha poboación menos envellecida.

A cifra está por baixo dos estándares requiridos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), que aconsella 5 prazas  por cada 100 persoas maiores de 65 anos e obrigaría a contar con 33.643 prazas.

Galiza é o territorio do Estado con menos prazas de residencia de carácter público. Segundo os dados achegados polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso), a cobertura pública en centros de maiores só chega a 22,8% dos usuarios, case 40 puntos por baixa da media estatal.

DomusVi e San Rosendo

Os principais beneficiados das axudas da Xunta da Galiza á dependencia son DomusVi e a Fundación San Rosendo. Os dous grupos sons os principais operadores do sector con máis de 7.000 prazas de residencia.

DomusVi é o primeiro operador da Galiza con máis de 29 centros distribuídos por toda Galiza. O grupo é propiedade de do fondo británico Intermediate Capital Group (ICG) e do magnate francés do negocio da xeriatría Yves Journel.

A Fundación San Rosendo é o segundo operador de servizos de xeriatría da Galiza, con máis de 67 centros de cerca de  3.600 prazas asistenciais. Neste caso, trátase dunha entidade ligada a Igrexa.

DomusVi e Fundación San Rosendo signifícanse pola súa proximidade ao Partido Popular, dependendo unha parte importante da súa conta de resultados das concesións públicas.