A Xunta abrirá os centros de saúde á vacinación para "finalizar en setembro" a campaña fronte á Covid

Persoal sanitario do Servizo Galego de Saúde. (Foto: Xunta da Galiza).
Aspira a vacinar toda a pobaoción moza de máis de 12 anos antes do 20 de setembro.

A intención do Goberno galego é a de "acabar o proceso de vacinación este mes", salientou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, quen anticipou un novo obxectivo, o de vacinar a todos os menores maiores de 12 anos antes do 20 de setembro.

Ante o inminente inicio de curso en Secundaria, o presidente asegurou que o alumnado acudirá xa "cunha dose" e precisou que perto de 20% regresará ás aulas xa coa pauta completa.

"O obxectivo sería achegarnos a 97% da poboación maior de 12 anos vacinada", marcou como meta de cara a inmunidade da poboación fronte ao coronavirus.. "Seriamos unha das rexións de Europa con maior porcentaxe", remarcou.

Poboación sen vacinar

O presidente da Xunta tamén se referiu ás persoas que non se vacinaron polo momento, "unhas 200.000", dixo, ás que contan presentar máis facilidades.

"Imos notificar de forma expresa e individual a posibilidade de vacinarse. Meteremos esta opción na carteira de servizos dos centros de saúde para descentralizar o proceso", adiantou.

Unha nova encomenda que ven incrementar a carga asistencial da Atención Primaria, saturada por mor da pandemia mais dos recortes acumulados nos últimos anos. Unha sobrecarga que recae nas axendas diarias do persoal médico mais tamén do persoal de enfermaría ou administrativo, sen substitucións pola falta de profesionais e as condicións de precariedade laboral.

Listas de agarda na Primaria

Neste sentido, desde o PSdeG, o líder dos socialistas, Gonzalo Caballero, celebrou que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña certificase o "impulso definitivo" ao proceso de vacinación no mes de setembro e recoñecese que a estratexia de vacinación do Goberno do Estado "é un éxito", afirmou.

Mais lamentou que a Consellaría "non teña medidas para liquidar os problemas da Atención Primaria", como é o caso das listas de espera para conseguir unha cita co médico.