A Xunta abre un expediente sancionador á Confederación da Miño-Sil polo baleirado dos encoros

Vista xeral do encoro de Salas o pasado 24 de agosto. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O organismo xestor da conca, que depende do Estado español, acusa Medio Ambiente de manipular a información sobre a comunicación do baleirado das presas de As Portas e Cenza.

A Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de abrir un expediente sancionador á á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) -dependente do Estado español- "pola súa responsabilidade no baleirado dalgúns dos encoros hidroeléctricos máis importantes desta conca". Porén, este organismo xestor da conca rexeita responsabilidades e acusa o Goberno galego de "mentir", ademais de remitirse a comunicacións realizadas á administración galega.

O departamento medioambiental aclara a través dun comunicado que, como institución competente en materia de protección da riqueza piscícola na Galiza, adopta esta decisión "ante a constatación de que a CHMS, máxima autoridade respecto ás actuacións hidráulicas que se executan na conca do Miño-Sil, obviou a súa responsabilidade ao non trasladar á Consellería a petición da autorización necesaria para protexer á poboación ictícola ante un posíbel baleirado".

O Goberno galego, a través da consellaría, incide en que a responsábel das presas e das concesións hidroeléctricas nesta conca, "non notificou formalmente en ningún momento á Xunta, a pesar de estar legalmente obrigada a facelo, a intención das empresas [eléctricas] de proceder ao baleirado dalgúns dos encoros que xestionan".

"Actuaron sen esperar polas autorizacións preceptivas e oportunas por parte da Consellaría, que nin sequera foi informada pola CHMS", lamentan fontes do departamento, que ademais aluden a que o regulamento de ordenación da pesca fluvial no país sinala como unha condición esencial para poder proceder ao baleirado dunha masa de auga que a concesionaria "o deberá comunicar cunha antelación mínima dun mes ao órgano competente".

"Carece de sentido que a CHMS pretenda facer unha interpretación interesada do regulamento, co único fin de desviar a atención da súa responsabilidade por incumprir a normativa vixente", lamenta no comunicado distribuído esta sexta feira, un documento no que subliña que "varios correos desmontan a manipulación da Xunta sobre a falta de información previa ao baleirado dos encoros ourensáns de As Portas e Cenza".

O organismo de conca reprocha á Xunta unha suposta "manipulación"

"Estas comunicacións do descenso superior ao 80% de volume en Cenza e As Portas producíronse o 10 de xuño e o 12 de xullo, respectivamente, cumprindo a normativa autonómica de pesca fluvial", sosteñen desde o organismo de conca.

"Estamos sorprendidos e indignados de que unha administración, que se presupón seria, manipule acerca da comunicación do baleirado, por baixo do 20%, dos encoros", critican.

"Esta comunicación, da que varias conselleiras e o propio presidente din que non ter constancia, curiosamente, recibírona por partida dobre, máis concretamente, na Consellaría de Medio Ambiente a través do seu servizo provincial en Ourense e da Consellaría de Presidencia a través do 112 da Galiza", garante o presidente da Miño-Sil, José Antonio Quiroga.