Pensar a Galiza pos-Covid

Xulio Ríos: "A Galiza acaparou máis da metade do investimento que a China realizou no Estado no pico do seu investimento exterior"

Xulio Rios

Xulio Ríos é fundador e presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) desde a súa fundación en 1991, así como da Fundación Plácido Castro do Igadi e do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e autor de obras como China, a próxima superpotencia (Laiovento), A China por dentro (Xerais) ou Nós no Mundo. Unha política exterior para Galicia (Galaxia). Analista internacional de longa traxectoria, é con seguridade unha das persoas que mellor coñece os pasos que deberiamos dar para ter un lugar no mundo como país.

A loita contra a pandemia deixou claro que hai un baleiro de liderado internacional que trouxo como consecuencia unha gran descoordinación. Podería unha hipotética derrota electoral de Trump dar paso a maiores avances nese sentido?

A pandemia veu acelerar procesos que xa estaban en marcha. Os tirapuxas estruturais deveñen da negativa dos países principais de Occidente a efectuar axustes na institucionalidade global, necesarios tanto pola emerxencia chinesa e outras como polos efectos da cuarta revolución industrial. Máis dun lustro tomaron nos EUA para despexar un novo reparto de poderes no FMI que para nada cuestionaba o seu poder de veto. Non é de estrañar que as economías emerxentes, coa China á cabeza, busquen outras alternativas. Hai resistencias ás mudanzas que debilitan os liderados. Biden e Trump comparten esta filosofía. Certo que Biden pode reparar algúns dos danos ocasionados polo unilateralismo de Trump (acordo de París, Irán, Unesco, OMS….) pero tamén pode facilitar mellor, por exemplo, a plasmación dunha alianza contra a China, que é unha cuestión vital para a Casa Branca hoxe. Asumindo que ese liderado está fragmentado, unha vitoria de Biden podería reabrir máis espazos para a cooperación internacional en ámbitos nos que nestes últimos anos houbo claros retrocesos.

O problema que temos con Portugal é que ignora a Galiza. E en Santiago semella primar máis Castela-León ou Asturias que o noso veciño do Sur.

E que consecuencias inmediatas traería a súa reelección?

Unha hipotética reelección de Trump con seguridade agravaría o declive dos EUA e aceleraría a recomposición estratéxica global, iso si, nun contexto de elevado risco, con seguras convulsións, quizais graves. A secuencia da importante fractura interna, cunha enorme polarización social e política, e o illamento internacional obrigará a múltiples actores globais, incluída a UE, a se decantar. Biden, aínda facendo a mesma política que Trump en termos xerais, pola contra, podería internacionalmente sumar alianzas que poderían ser vitais para albergar esperanzas de saír vitoriosos nesa segunda guerra fría que algúns intentan reeditar como derradeira oportunidade para facer prevalecer a hexemonía occidental.

En que lugar quedaría Galiza en cada un dos escenarios posíbeis? O Brexit xa a coloca nunha posición delicada en canto a comercio e pesca.

Levamos décadas inmersos en profundos cambios e estamos chegando a un punto de viraxe. Esta evolución internacional pode agravar as nosas taras internas se non reaccionamos trazando estratexias que nos permitan acompañar as tendencias principais. Europa representa o 80% do noso comercio exterior. Mais a Galiza acaparou máis da metade do investimento que a China realizou no Estado no pico do seu investimento exterior, en 2016, e iso segue definíndoa como un país cunha gran potencialidade para a nosa economía. Nos próximos cinco anos, preto de 100 millóns de persoas converteranse en residentes urbanos e haberá un novo salto na súa clase media. Por moitas razóns, podemos estar máis presentes na China e iso ten un enorme interese, pero non temos plan. En boa medida, iso é así porque non hai unha reflexión propia, autóctona; semella que estamos sempre á espera de que outros nos digan por onde tirar. Non nos creemos as nosas capacidades. Isto fainos reactivos en vez de proactivos, que é o que realmente se precisa nos tempos actuais.

Podería ser unha saída un maior achegamento entre a Galiza e Portugal (comercial, político…), ou ao mundo lusófono en xeral? Que pasos habería que dar neste sentido?

O problema que temos con Portugal é que ignora a Galiza. E en Santiago semella primar máis Castela-León ou Asturias que o noso veciño do Sur. Non hai política galega en Lisboa nin política portuguesa en Santiago e a condición de ponte que durante anos tivo a Galiza na relación entre España e Portugal tamén veu a menos. Nos últimos anos houbo unha deconstrución importante neste sentido. O nivel micro segue funcionando pero hai unha clara falta de ambición na relación. Non creo que haxa cambios co ex reitor da Universidade do Minho, António Cunha, agora á fronte da CCDR-N (Comissão de Coordenação e Desenvolvimento da Região Norte). Necesitariamos tamén un cambio de enfoque aquí. O Brasil, un país BRICS, podería desempeñar un papel importante, incluso a pesar de Bolsonaro, optando por algúns estados onde contamos xa con certa presenza. Sectorialmente, algúns Palop (Países Africanos de Língua Oficial Portuguesa) poderían ser de interese. Pero sempre necesitaremos unha estratexia sostida no tempo, e carecemos dunha cousa e doutra, de política e de constancia. Tanto consenso retórico matou a esperanza de facer algo serio en relación a Portugal, precisariamos máis disenso creativo.

A entrevista na íntegra podes lela no Nós Diario en papel ou na nube. Se aínda non es subscritora ou subscritor podes facelo aquí: http://bit.ly/3hCH3Qu