Un xulgado de Vigo desestima a demanda dunha veciña contra o Concello polo ruído dos festexos do Nadal

O centro de Vigo, colapsado pola afluencia de visitantes durante o último Nadal. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

A sentenza considera que o Executivo local tomou medidas para “evitar que se excedesen os límites acústicos”

O xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Vigo ditou sentenza na que desestima unha demanda interposta por unha veciña da cidade contra o Concello olívico, polos prexuízos que lle causaron os ruídos derivados do mercado do Nadal e as atraccións instaladas na contorna da rúa Areal, entre novembro de 2022 e xaneiro de 2023.

No seu recurso, a demandante acusaba o Concello de vulnerar os seus dereitos fundamentais e non actuar fronte a unha reclamación para garantir eses dereitos (á intimidade e á inviolabilidade do domicilio).

A xuíza sinala na súa resolución que o servizo municipal de Comercio contratou unha empresa para facer medicións de ruídos, e que adoptou medidas para evitar que se excedesen os límites acústicos.

Así, segundo recolle a sentenza, suprimiuse a megafonía en certos horarios, reduciuse o volume da música, trasladáronse as atraccións máis ruidosas a outras zonas con menos vivendas, etc.

Por tanto, conclúe, o Concello si tivo "unha actuación dilixente" e, por outra banda, a demandante non puido acreditar unha exposición prolongada no tempo a eses ruídos.

Tras dar a coñecer esta sentenza, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que o Concello seguirá traballando "para eliminar os efectos non desexados" das celebracións do Nadal.