O xulgado de Santiago incoa dilixencias por presunta prevaricación na autorización dunha mina na Gudiña

Movementos de terra na Gudiña. (Foto: Ecoloxistas en Acción)

A xustiza investiga a prórroga de 30 anos concedida pola Xunta da Galiza a unha mina de volframio xa caducada, denunciada por Ecoloxistas en Acción, ao considerar que se outorgou sen avaliación ambiental e con risco grave para espazos protexidos na fronteira con Portugal.

O Xulgado de Instrución nº 1 de Santiago vén de incoar dilixencias penais para investigar un presunto delito de prevaricación na autorización dunha prórroga mineira na Gudiña (comarca de Viana). O procedemento deriva dunha denuncia presentada por Ecoloxistas en Acción contra o director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta, Pablo Fernández Vila, e contra o administrador da empresa Eurobattery Minerals e da súa filial Tungsten San Juan S.L., pola concesión dunha prórroga de 30 anos á mina de volframio San Juan.

Segundo a organización ecoloxista, a concesión mineira caducara no ano 2024 e calquera ampliación debía someterse a unha nova avaliación de impacto ambiental, tal e como estabelecen dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e do Tribunal Supremo (TS). A denuncia sostén que a prórroga foi autorizada a finais de 2025 sabendo da súa ilegalidade, co obxectivo de eludir ese trámite ambiental obrigatorio. Os posíbeis delitos ambientais vinculados á explotación serán investigados de maneira separada nos xulgados de Ourense.

Impactos transfronteirizos

A maiores, o proxecto sitúase a apenas dous quilómetros da fronteira portuguesa, polo que debía contar cunha avaliación de impactos transfronteirizos que, segundo Ecoloxistas en Acción, nunca se realizou, nin na tramitación inicial de 2014 nin agora. O pasado mes de decembro, o gabinete da ministra portuguesa de Ambiente e Enerxía, Maria da Graça Carvalho, recoñeceu que o Estado español non notificara ás autoridades lusas e ordenou á Axencia Portuguesa do Ambiente solicitar explicacións formais a Madrid. A mina localízase augas arriba do Parque Natural de Montesinho, espazo integrado na Rede Natura 2000 e na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica, ademais de atoparse a só un quilómetro da ZEC Pena Maseira.

Ecoloxistas en Acción anuncia que solicitará a paralización cautelar da actividade, xa iniciada pola empresa, ao advertir de impactos severos sobre o río Rabaçal, no que se prevén verteduras con altas concentracións de metais pesados sen tratamento. O proxecto aprobado pola Xunta da Galiza en 2015 contemplaba cinco cortas a ceo aberto, a extracción de 50.000 toneladas en dez anos e once postos de traballo, cifras moi afastadas das promesas recentes da empresa, que fala de até 130 empregos nunha campaña cualificada de propagandística pola organización ecoloxista.

A entidade lembra tamén que Eurobattery Minerals xa foi sancionada en 2020 por realizar sondaxes sen autorización nun proxecto mineiro entre Santa Comba (Xallas) e Coristanco (Bergantiños). No caso da Gudiña, a empresa está a executar grandes movementos de terra malia ter caducada a declaración de impacto ambiental de 2014. Ademais, o plan inicial prevía enviar o mineral á mina de San Finx, en Lousame (comarca de Noia) para o seu procesado, opción que quedou invalidada tras declararse a caducidade desas concesións e revogarse a autorización de verteduras por contaminación con metais pesados.

Finalmente, Ecoloxistas en Acción vincula a actuación da Xunta coa intención da empresa de presentar a mina da Gudiña á convocatoria de proxectos estratéxicos da Comisión Europea, cuxo prazo remata o 15 de xaneiro. A consideración como proxecto estratéxico permitiría axilizar permisos e, segundo denuncian, pasar por riba da lexislación ambiental. "Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que estabelece a lexislación europea e convenios internacionais", advertiu o voceiro de Ecoloxistas en Acción, Cristóbal López.