O Goberno portugués reclama explicacións ao Estado español pola mina da Gudiña
A polémica mina de volframio con permisos caducados na que comezou a operar nos últimos meses a empresa sueca Eurobattery Minerals desatou unha tormenta diplomática entre Portugal e o Estado español, logo de que transcendese que a concesión mineira "San Juan", na Gudiña (comarca de Viana), foi outorgada sen a preceptiva avaliación de impactos transfronteirizos.
Logo de que o asunto chegase á Asemblea da República da man de 11 deputadas e deputados do Partido Socialista, que pediron explicacións ao Goberno luso pola posta en funcionamento da mina, o gabinete da ministra do Ambiente e da Enerxía, Maria da Graça Carvalho, recoñeceu que as autoridades españolas en ningún momento notificaron as portuguesas e explicou que a Agencia Portuguesa do Ambiente (APA) xa enviou carta a Madrid pedindo explicacións.
Tanto Ecoloxistas en Acción como o Movimento Uivo, que vén denunciado este proxecto ante as autoridades lusas, advertiron que a apertura da mina tería impactos severos sobre o río Rabaçal, "ao que ten previsto verter augas con altas concentracións de metais pesados sen ningún tipo de tratamento".
A mina está inmediatamente augas arriba da fronteira e do Parque Natural de Montesinho, dos que o separan tan só dous quilómetros. O Parque de Montesinho é un espazo da Rede Natura 2000 integrado ademais na Reserva da Biosfera Transfronteiriza da Meseta Ibérica. Tamén está a tan só un quilómetro da ZEC Pena Maseira, tamén en Rede Natura, "sendo obvio que a actividade afectará a ambos os dous espazos".
Incoadas dilixencias penais por prevaricación
Mentres tanto, do lado galego avanza o procedemento penal incoado en relación á actuación de Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Consellaría de Economía e Industria, e Roberto García Martínez, administrador de Eurobattery Minerals e a súa filial ourensá Tungsten San Juan S.L.
Ecoloxistas en Acción denunciounos por presuntos delitos de prevaricación, desobediencia e delitos contra o medio ambiente logo de que se anunciase "unha prórroga ilegal de 30 anos". Pola súa parte, a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, María José Echevarría Moreno, dirixiuse á organización ecoloxista para explicar que a Consellería de Economía e Industria non volveu a dirixirse ao órgano ambiental sobre esta mina desde 2014, "confirmando que a prórroga foi concedida ilegalmente".
Pesaban sobre o proxecto mineiro dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) e do Tribunal Supremo estabelecendo que calquera prórroga tiña que ser sometida a unha nova avaliación de impacto ambiental. Ademais, estando a mina proposta a tan só dous quilómetros da fronteira portuguesa, "o proxecto debía terse sometido obrigatoriamente a unha avaliación de impactos transfronteirizos, como agora demandan as autoridades portuguesas".
"Falsidades por parte da empresa"
O proxecto aprobado pola Xunta da Galiza en 2015 prevía explotar unhas 50.000 toneladas de material en cinco cortas a ceo aberto durante 10 anos empregando 11 traballadores. Fronte a iso, Eurobattery Minerals vén desenvolvendo nas últimas semanas unha intensa campaña de propaganda na que promete crear 130 empregos, o cal contradí o proxecto aprobado. Nunha festa organizada pola empresa sueca na Gudiña a comezos de decembro, a cifra de empregos anunciada eran 12 veces maior que a contemplada na realidade.
A empresa nominalmente sueca, que iniciou nas últimas semanas grandes movementos de terra, xa se tivera que enfrontar a un procedemento sancionador en 2020 cando tentou abrir unha mina a ceo aberto de níquel entre Santa Comba e Coristanco, realizando sondaxes sen ningún tipo de autorización. Agora, "vén realizando enormes movementos de terra na mina da Gudiña, a pesar de ter caducado hai anos a declaración de impacto ambiental outorgada en 2014", denuncia Ecoloxistas en Acción.
Eurobattery pretende presentar o proxecto mineiro da Gudiña á convocatoria da Comisión Europea de proxectos estratéxicos europeos que fecha en xaneiro de 2026. "Esta manobra podería significar prazos acelerados para conseguir autorizacións e pasar por riba da lexislación en materia de augas e espazos protexidos", salienta a organización. Con todo, "a empresa sueca xa pinchou este ano cando fracasou coa candidatura doutro proxecto mineiro en Finlandia", engade.
Ademais, Ecoloxistas en Acción e Uivo están a traballar con eurodeputadas para colocar estes antecedentes en coñecemento das autoridades portuguesas. "Non permitiremos que unha mina totalmente ilegal utilice a artimaña dos proxectos estratéxicos europeos para operar á marxe das obrigas que establece a lexislación europea e convenios internacionais", remarca Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.
Desde Portugal, Sara Riso, do Movimento Uivo, considera "incomprensíbel que as autoridades españolas nunca informaran ás portuguesas deste proxecto, a pesar de que afectará de modo obvio ás aldeas portuguesas situadas augas abaixo así como a varios espazos naturais de alto valor".
De feito, proxectos mineiros en trámite por parte de Portugal, como as minas do Barroso e do Romano, situadas a máis de 30 quilómetros da fronteira, si foron sometidos ao trámite de impacto transfronteirizo logo de que as autoridades portuguesas notificaran as españolas.