EXCLUSIVA DE 'NÓS DIARIO'

A Xunta encargou a un empregado da mina de Touro a coordinación do informe sobre os recursos mineiros da Galiza

Galiza vive unha nova febre mineira animada polas políticas da Unión Europea e onde a Xunta da Galiza actúa como principal impulsor de boa parte dos proxectos en marcha. Neste contexto explícase o relatorio sobre os recursos mineiros do país impulsado polo Goberno galego e coordinado polo xeólogo Pablo Núñez.

Pablo Núñez Fernández. (Foto: Cámara Oficial Mineira de Galicia)
Pablo Núñez Fernández. (Foto: Cámara Oficial Mineira de Galicia)

O pasado 24 de novembro o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, presentou na comparecencia pública posterior ao Consello da Xunta un informe sobre os recursos mineiros do país, sinalando que o relatorio certificaba que "o valor mineiro da comunidade pode alcanzar os 45.000 millóns de euros xa que rexistra unha das concentracións máis significativas de minerais críticos de Europa occidental". Na mesma rolda de prensa, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, incidiu nas grandes posibilidades do negocio mineiro no país.

O relatorio, titulado Informe sobre o potencial de elementos críticos da Galiza, estima que os recursos mineiros identificados na Galiza teñen un valor económico de entre 25.000 e 45.000 millóns de euros. Nesta dirección, apunta que as reservas de tantalio, niobio, terras raras, litio e volframio representan  aproximadamente 60% do valor económico total, mentres que outros elementos de alta prioridade como o cobre achegan ao redor de 25%. Porén, os autores do informen non explican os criterios seguidos para cifrar a contía dos recursos mineiros.

Os xeólogos consultados por Nós Diario cuestionan o rigor dos cálculos económicos do documento. A este respecto, indican que "non empregan ningún criterio para explicar as cifras, cando existen estándares internacionais para determinar o valor das reservas como os fixados polo Australian Joint Ore Reserves Committee  ou os requisitos máis básicos estabelecidos pola Organización de Nacións Unidas, que é a que marca como referencia o Regulamento europeo de materias primas fundamentais". Neste punto, aseveran que "este relatorio non o aceptaría ningunha empresa mineira seria".

18 elementos críticos

O informe apunta que no territorio galego emprázanse 18 dos 34 elementos identificados coma críticos pola Unión Europea (UE). Nesta perspectiva, destaca a potencialidade do corredor Santiago-Touro-Lalín, cunha lonxitude de 80 quilómetros de lonxitude e 15 quilómetros de largo e unha área total de 1.200 quilómetros cadrados, indicando que é rico en cobre, cobalto, zinc, galio, xermanio e indio. Na mesma dirección, refírese a outros espazos, como os corredores Cabo Ortegal-Moeche, Penouta-Forcarei, San Finx-Santa Comba e Vigo-Tui-O Porriño.

Os propios autores advirten dos erros do informe. Así, sinalan que "a presente análise fundaméntase nunha extensa base de datos de mostras xeoquímicas rexionais, recompiladas e procesadas polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IXME) ao longo de diversas campañas de exploración e programas de investigación, como o proxecto España-FOREGS e o Mapa Xeoquímico de España. A natureza desta recompilación de datos, levada a cabo en diferentes momentos e con distintos equipos e metodoloxías, introduce a posibilidade de inconsistencias e erros inherentes".

O relatorio recolle que, "aínda que se realizaron esforzos para harmonizar e validar a información, algúns dos datos utilizados neste informe poden presentar imprecisións". Estas poden derivarse tanto dos procesos analíticos no laboratorio como da xeorreferenciación das mostras no campo. Polo tanto, "os resultados e conclusións presentados neste documento deben ser considerados como unha interpretación baseada na información dispoñíbel, e están suxeitos ás limitacións e posíbeis erros da base de datos orixinal do IXME", indican.

A investigación elaborada a instancias do Goberno galego lanza unha advertencia ao empresariado mineiro, recomendando "que calquera decisión de investimento ou planificación estratéxica que se basee nesta análise sexa complementada con verificacións de campo e estudos de maior detalle para confirmar os achados e mitigar os riscos asociados ás posíbeis imprecisións nos datos primarios". Na mesma liña, as fontes consultadas do Goberno galego inciden en que o traballo "é só unha panorámica dos recursos".

O informe encargado pola Xunta está coordinado polo xeólogo Pablo Núñez Fernández, delegado na Galiza do Colexio de Xeólogos e que desenvolve a súa actividade profesional en Cobre San Rafael, empresa titular da mina  de Touro e O Pino (comarca de Arzúa). Malia que actualmente o seu posto na compañía é de xeólogo, durante varios anos ocupou a  responsabilidade de director de relacións institucionais, sendo un dos rostros máis visíbeis da empresa. A compañía nega a Nós Diario "calquera relación co informe". "Nin sequera sabiamos da súa existencia", di. Pablo Núñez Fernández contou coa colaboración de Ester Boixereu i Vila e Rubén Esteban Pérez para elaborar o informe. A primeira é xefa do departamento de recursos xeolóxicos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, organismo dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O segundo, xeólogo cunha longa experiencia no sector privado, ocupou a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Recursos Hídricos e Minas do Goberno da Rioxa durante a presidencia da socialista Concha Andreu entre os anos 2019 e 2023.

O informe da Xunta pon no foco a ría de Muros e Noia

O Informe sobre o potencial de elementos críticos da Galiza fai unha estimación das principais reservas de mineiras existentes no país, pondo o foco naqueles elementos considerados como críticos pola Unión Europea. Entre estes destaca o tantalio, un mineral co moitas aplicacións, chave para a fabricación de aparellos tecnolóxicos, como teléfonos móbiles, computadores, ou instrumental sanitario –como próteses–, significando os xacementos existentes en Muros, que cualifica como "concello prioritario". Precisamente, estas vetas de tantalio emprázanse no interior da ría, sendo obrigado o dragado desta para extraelo, o que pon en risco a actividade marisqueira na comarca, que nestes momentos ocupa máis de 3.000 persoas.

Terras raras

Outro espazo de alto valor que o relatorio pon no foco é a Serra do Galiñeiro, emprazada nas comarcas do Baixo Miño e de Vigo, que é considerada como un dos principais xacementos de terras raras da Galiza. A este respecto, o relatorio apunta que conta "cun potencial de produción estimado de 2.856-3.000 toneladas anuais". Esta cantidade foi calculada a partir de informes previos "que non tiveron en conta a extensión total do xacemento", indica o mesmo documento.

Comentarios