Un xulgado de Pontevedra, primeiro de Galiza en anular unha multa por 'saltarse' o confinamento após a sentenza do TC

Un veciño de Tui sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla
Un veciño de Tui sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Pontevedra ditou a primeira sentenza de Galiza na que revoga unha multa por saltarse o confinamento tras o recente fallo do Tribunal Constitucional que declarou nulas as restricións de circulación do primeiro estado de alarma. Nela, o maxistrado acolleu o recurso interposto contra a Subdelegación do Goberno de Pontevedra por un veciño de Tui sancionado con 601 euros por saír a un parque infantil coa súa filla. A administración, polo tanto, deberá devolverlle 300,50 euros, que foi a cantidade que abonou ao acollerse ao desconto por pronto pago.

O xuíz lembra na resolución que a prohibición de circulación establecida no Real Decreto 463/2020, polo que se decretou o estado de alarma, "acaba de ser declarada nula polo Tribunal Constitucional". Ademais, salienta que na sentenza se sinala "con carácter expreso" que esa declaración de nulidade afecta, retroactivamente, ás sancións administrativas impostas por incumprir o confinamento.

Neste caso concreto, o recorrente, que se atopaba nun parque infantil do paseo de Tui  ás 18.40 horas do 31 de marzo de 2020, acompañado pola súa filla, foi multado "única e exclusivamente por incumprir, sen causa xustificada, a prohibición de circulación". O demandante explicou no xuízo que se viu obrigado a baixar ao parque porque a menor "entrou en estado de ansiedade tras varios días de encerro".

O Estado, segundo a sentenza, solicitou "a suspensión do proceso por descoñecer o contido detallado da sentenza do Tribunal Constitucional, á espera de que se publique no BOE".

O maxistrado, con todo, entende que non é necesaria esa espera "pola sinxela razón de que no recurso de inconstitucionalidade foi parte o Poder Executivo, representado e defendido polo avogado do Estado, quen recibiu xa a notificación do contido íntegro da sentenza, que se publicou completa hai xa uns días na web oficial".

Ademais do fallo do Tribunal Constitucional, o xuíz advirte de que, neste caso, concorre outra causa adicional de anulación da multa, "por infrinxir os principios de legalidade e tipicidade", pois o recorrente e a súa filla regresaron ao seu domicilio cando llo requiriron os axentes da Garda Civil.

Así, lembra que todos os xulgados contencioso-administrativos da provincia de Pontevedra emitiron "multitude de sentenzas sobre casos análogos" nas que anularon as sancións ao non desobedecer os multados unha orde directa ditada por un axente da autoridade, senón os mandatos dunha disposición de carácter xeral. Contra a resolución, que impón á Administración do Estado o pago das costas do litixio, non cabe interpoñer recurso.