O xulgado de Noia arquiva a causa pola vertedura de pellets do buque 'Toconao'
A resolución conclúe que non existiu delito ambiental e atribúe a perda dos contedores a un golpe de mar, sen irregularidades na carga nin risco significativo para o medio nin a saúde.
A xuíza do Tribunal de Instancia de Noia acordou o sobresemento definitivo da causa aberta para investigar as posíbeis responsabilidades penais pola vertedura de pellets procedentes do buque Toconao, decorrida en decembro de 2023. Tras a práctica das dilixencias consideradas pertinentes e a análise da ampla documentación incorporada ao procedemento, a instrutora conclúe que os feitos non constitúen ilícito penal e que, no seu caso, poderían encadrarse unicamente no ámbito dunha eventual infracción administrativa.
No auto xudicial, a xuíza dá especial relevancia ao informe elaborado pola Dirección Xeral da Garda Civil, a través do Seprona, que determina que a caída pola borda de seis contedores se produciu como consecuencia dun golpe de mar no costado de babor do buque. Segundo este informe, as condicións meteorolóxicas no momento do suceso, xunto coa análise da navegabilidade do barco e da actuación do capitán e da tripulación, permiten concluír que se cumpriron os protocolos de carga por parte da empresa operadora e que non existiu ningunha irregularidade que provocase a perda dos contedores.
A resolución recolle tamén que o informe do Seprona se basea nunha "análise exhaustiva" que incorpora documentación de distintas fontes, entre elas o Centro de Coordinación de Vixilancia Marítima de Costas e Fronteiras, información facilitada polo armador e a empresa fretadora, informes do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza, así como ditames periciais da Unidade Técnica da Fiscalía de Medio Ambiente e da propia Unidade Técnica do Seprona.
En relación coa posíbel toxicidade da vertedura e a súa incidencia ambiental, a xuíza subliña que os informes periciais conclúen que os pellets recollidos nas costas afectadas non presentan toxicidade nin concentracións de substancias perigosas. Nesa liña, indica que non se prevé un impacto significativo a medio ou longo prazo derivado desta vertedura en comparación co impacto xeral dos microplásticos xa presentes no medio mariño.
O auto fai referencia tamén ás análises realizadas polo CETIM Technological Centre sobre mostras do material recollido polo persoal da Xunta da Galiza, das que se desprende que os pellets non constitúen "unha substancia nin unha mestura perigosa".
En espazos protexidos
No relativo á afección a espazos protexidos, a resolución sinala que, segundo os informes remitidos pola Xunta e pola Unidade de Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado, os "escasos restos" localizados en áreas sensíbeis non causaron danos no ecosistema dunar de Corrubedo nin nas lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira (O Barbanza) nin tampouco no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza.
Con estes argumentos, a xuíza conclúe que non se produciu unha infracción das normas de protección ambiental que xustifique a intervención da vía penal, nin indicios de "prexuízo grave" para o aire, o chan, as augas, a fauna, a flora ou a saúde das persoas.
O auto non é firme e pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña.

