O Xulgado admite o recurso da familia Franco polo pazo de Meirás

Vista do pazo de Meirás. (Foto: Nós Diario)
A representación legal da familia do ditador considera "tecnicamente deficiente" o auto que a obriga a devolver o inmóbel, declarado pola maxistada propiedade do Estado español.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña admitiu a trámite o recurso de apelación interposto pola familia Franco contra a sentencia que declara ao Estado propietario do Pazo de Meirás. Así informou hoxe o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. A continuación o Xulgado dará traslado as restantes partes, emprazándoas para que presenten escrito de oposición ao recurso ou, no seu caso, de impugnación da sentenza nun prazo de dez días.

O fallo declarou ao Estado español propietario do inmóbel e sinalou a nulidade da "doazón" efectuada en 1938 ao ditador Francisco Franco, obrigando a súa familia a devolvelo. Tras a publicación da sentenza, a súa representación legal xa anunciou a súa decisión de presentar un recursos por, entre outras cuestións, consideralo "tecnicamente deficiente".

Logo de coñecerse o fallo, esta parte criticou que na resolución a xuíza instrutora, Marta Canales, dea por probados os feitos recollidos no libro sobre o Pazo de Meirás escrito polos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo. En marzo, a familia do ditador presentaou unha denuncia pola vía civil contra o primeiro tras a súa participación nun programa de televisión. Ambos os dous declararon no xuízo. 

Argumentos dos Franco

Na vista, os Franco argumentaron que o inmóbel foi un agasallo a título persoal para Francisco Franco. Alegaron que cando a propiedade foi danada por un incendio foi Carmen Franco quen se encargou de restauralo cargandos cos gastos logo do "esquecemento" do edificio por parte do Estado. E insistiron en que a familia fixera uso do inmóbel logo da morte do ditador.

A xuíza sinalou no auto que no mesmo ano da doazón constituíuse a Xunta Pro Pazo “do Caudillo” para agasallar ao “Xeneralísimo dos Exércitos e Xefe de Estado Nacional”. Este detalle para co ditador foi concedido en tanto que era o xefe do Estado español.

Así mesmo, varias testemuñas advertiron da prestación de servizos en Meirás por parte das Administracións.  O garda hortelán do pazo entre 1982 e 1990 asegurou que o seu salario foi sufragado pola Garda Civil e un veciño de Sada afirmou da posto a punto do inmóbel por "traballadores da Comandancia de Obras e xardineiros do Concello da Coruña". A da maxistrada é a mesma argumentación esgrimida polo Estado español, a Xunta, as Administracións locais da Coruña e Sada e mais da Deputación da Coruña.