Un xulgado abre dilixencias previas polo falecemento dunha usuaria de DomusVi

Concentración diante da residencia DomusVi de Aldán, en Cangas (Vellez Digna).
Un xulgado de Cangas admite unha querela contra a directora da residencia DomusVi Aldán, a conselleira delegada da compañía e dous altos cargos da Xunta. As quereladas acúsanos dos delitos de homicidio ou lesións por imprudencia profesional e de abandono de persoas discapacitadas. 

O xulgado de primeira instancia e instrución número 3 de Cangas do Morrazo vén de admitir a trámite unha querela interposta por familiares de dúas residentes do centro DomusVi Aldán, no propio municipio, contra a directora do centro, a conselleira delegada da compañía no Estado español, Josefina Fernández, e contra dous altos cargos da Xunta da Galiza, María Berta Besada Porto, xefa do servizo de Inspección de residencias, e Idelfonso de la Campa, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. 

Dilixencias previas

O auto, contra o que cabe recurso e forma, acepta incoar un procedemento de dilixencias previas en relación á acusación de delitos de homicidio ou lesión por imprudencia profesional ou de abandono de persoas con discapacidade.

En canto ás quereladas, unha delas trátase da filla dunha das residentes, que responsabiliza o centro e mais as persoas demandadas das lesións "derivadas do diagnóstico positivo por Covid-19" e das que sufriu "tras numerosas caídas" polas que non foi debidamente atendida. Isto motivou que a familia da residente decidira finalmente trasladala da residencia.

A segunda, filla da outra usuaria, mantén que a súa nai faleceu pola mala xestión da crise por parte das persoas denunciadas, ás que acusa de agardaren até que a súa nai presentou un cadro "de tal gravidade que todo intento por parte dos profesionais do hospital Álvaro Cunqueiro foi totalmente en van".

Respecto aos primeiros casos, nos fundamentos xurídicos o maxistrado sinala que de térense producido as caídas, "a falta de información ou de atención suficiente non poden cualificarse como delito", se ben apunta que "a vixilancia, se esta está expresamente recollida no contrato, podería supor unha obriga contractual". Tamén descarta o "delito de abandono de discapacitados", ao tratarse "dun delito especialmente doloso e non de mero descoido ou desatención".

O xuíz valora que os feitos poderían corresponder, de seren certos, a "incumprimentos contractuais" e mais a "unha deficitaria atención facultativa, pudendo incorrer nunha imprudencia profesional polas lesións ou o falecemento sufrido". Para determinalo, dispón que se tome declaración contra as persoas contra as que se interpuxo a querela. 

Ademais de incorporar á causa a documentación achegada, solicitarase a información e expedientes médicos das afectadas. Un profesional da medicina forense examinaraos e analizará se o diagnóstico e asistencia médica proporcionados foron os adecuados. En virtude destas tres circunstancias, o maxistrado decidirá se abre xuízo oral, se solicita máis dilixencias ou se procede a arquivalas definitivamente desbotando a causa.

A querela estaba tamén dirixida ás empresas Geriatros SAU e Geriavi. Porén, atendendo ao Código Penal e aos feitos relatados, o maxistrado sinala que non corresponde abrir o procedemento "fronte as persoas xurídicas", debendo delimitarse "a responsabilidade das persoas físicas cuxa investigación se pretende".

Fontes de DomusVi consultadas por este medio din que "respectan profundamente a decisión das familias e agardan ter a posibilidade de demostrar nos xulgados, cando isto proceda, que en todo momento se actuou correctamente". A compañía afirma que, ao seu xuízo,  o coronavirus fixo tanto dano ás persoas maiores pola súa vulnerabilidade, idade e as múltiples patoloxías que presentan.  

Outras querelas

Segundo explican desde Rede, a plataforma de asociacións de familiares e persoas usuarias de centros de maiores e da dependencia, esta é a primeira querela presentada en colaboración coa asociación de consumidores e consumidoras Acouga. Unha segunda foi presentada pola familia dunha usuaria de DomusVi Matogrande, no concello da Coruña, falecida por Covid-19.

A maiores, preparan, tamén co apoio de Acouga, demandas pola vía civil contra DomusVi "por fraude de contrato, cláusulas abusivas e cobros impropios, irregularidades que se terían desenvolto durante a pandemia e nas semanas previas á mesma".

Os sucesos relatados na querela de Aldán, repítense noutros moitos casos. "Feitos moi graves", aseguran, citando as "neglixencias médicas", a "falta de hixiene" ou a "sobremedicación" entre outros.

Desde o inicio do estado de alarma, abríronse doce dilixencias previas de investigación penal relacionadas cos contaxios en residencias da Galiza, das que seis foron arquivadas. Actualmente, investíganse catro residencias da Coruña e outras catro de Ourense.