Xustiza

A Audiencia Nacional retira o pasaporte do patrón do 'Vila de Pitanxo'

O patrón do 'Vila de Pitanxo', Juan Padín, e mais o seu sobriño, o mariñeiro Eduardo Rial, á súa chegada á Audiencia Nacional esta segunda feira. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
A Fiscalía ve indicios de 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores.

A Audiencia Nacional vén de aceptar a petición da Fiscalía de retirar o pasaporte ao patrón do Vila de Pitanxo, Juan Padín, afundido o pasado 15 de febreiro a 450 quilómetros da da costa do Canadá, no mar de Terranova.

Segundo apuntan fontes xurídicas a Europa Press, o Ministerio Fiscal propñía esta medida cautelar contra Padín para evitar unha hipotética fuxida do país.

Así, ademais da retirada do pasaporte, a Audiencia tamén aceptou a petición da Fiscalía de que o patrón, único investigado polo naufraxio do pesqueiro galego, compareza ante sede xudicial cada 15 días.

As familias dos 21 mariñeiros falecidos no sinistro marítimo levan semanas a demandar que se apliquen medidas cautelares contra Juan Padín, co obxectivo de que non aproveitase o seu traballo faenando en augas internacionais para fuxir.

Declaración dos tres sobreviventes

Contra as 9.30 horas desta segunda feira principiou na sede da Audiencia Nacional (AN) a toma de declaracións polo afundimento en augas de Terranova do pesqueiro marinense Vila de Pitanxo, unha causa na que comparecen os mariñeiros Samuel Kwesi e Eduardo Rial e mais o patrón do barco e tío deste último.

Kwesi, segundo vén de informar RNE, defendeu ante o xuíz que se produciron "irregularidades" no naufraxio acontecido o pasado 15 de febreiro. Reiterou, máis unha vez, que fallaron as máquinas que subían as redes e que o capitán se negou a parar o motor.

Tamén insistiu en que a tripulación, na que se atopaban os 21 mariñeiros desaparecidos, non portaba o chaleco salvavidas. Si o levaban o patrón e mais o seu sobriño, sostén Kwesi.

Foi precisamente a declaración "contraditoria" de Samuel Kwesi perante a Garda Civil, que se contrapuña coas versións ofrecidas por Rial e Padín, a que motivou a imputación do patrón.

O mariñeiro de orixe ghanesa, que nun primeiro intre apoiara as palabras dos outros dous tripulantes, mudou o seu testemuño após denunciar "presións" para non actuar nunha liña discordante.

21 homicidios imprudentes

O xuíz da AN Ismael Moreno emitiu a primeiros de abril un auto asegurando a existencia de indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores" a Padín, xa que na traxedia faleceron 21 dos 24 mariñeiros que viaxaban no buque.

Desta maneira, a Audiencia Nacional puxo en "dúbida" a versión ofrecida por Juan Padín, indicando que a velocidade do buque ás horas da traxedia "suscita dúbidas" sobre a declaración do capitán acerca da parada dos motores por avaría como causa determinante da escora e posterior afundimento do barco.