Os tres superviventes do 'Vila de Pitanxo', citados a declarar esta segunda feira na Audiencia Nacional

Arribada do 'Praia de Menduíña 2' a Cangas o pasado 20 marzo cos tres superviventes do 'Pitanxo' a bordo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
Os únicos mariñeiros que saíron con vida do naufraxio do pesqueiro galego 'Vila de Pitanxo' o pasado 15 de febreiro a 450 km da costa de Terranova (Canadá) prestarán declaración en Madrid.

Os tres terán que prestar declaración no Xulgado de Instrución número 2 da Audiencia Nacional (AN). Deles, o patrón do barco, Juan Padín, farao en calidade de investigado na causa, ao apreciarse indicios de 21 homicidios imprudentes, mentres que o seu sobriño, Eduardo Rial, e o mariñeiro Samuel Kwesi farano como testemuñas. Están citados ás 9.30 horas nun tribunal que aínda non se declarou competente para investigar o caso do afundimento do pesqueiro galego.

Con todo, si lle compete comezar as dilixencias, sobre todo as máis urxentes, debido a que ten coñecemento do caso. Cabe lembrar que a Audiencia Nacional tratou de remitir a Marín a causa, porque é a localidade onde radica o porto base do navío, mais este xulgado non aceptou a investigación ao entender que os supostos delitos foron cometidos en augas internacionais.

Por todo iso, esta segunda feira declararán ante a AN, após unha semana de aprazamento a petición da procuradora do patrón para poder preparar o interrogatorio. O tribunal tamén estabeleceu que os tres terán que acudir de forma presencial a Madrid, a pesar de que se solicitou facelo por videoconferencia.

Estas declaracións servirán tamén para resolver as medidas cautelares solicitadas polas familias, pedindo a retirada do pasaporte, que Padín estea localizábel e mesmo prisión preventiva para que non volva saír faenar, tras "persistentes rumores" de que o patrón tiña pensado volver traballar noutro buque da mesma armadora.

21 homicidios imprudentes

O xuíz da AN Ismael Moreno emitiu a primeiros de abril un auto asegurando a existencia de indicios que permitirían imputar "polo menos 21 delitos de homicidio por imprudencia grave e contra os dereitos dos traballadores" a Padín, xa que na traxedia faleceron 21 dos 24 mariñeiros que viaxaban no buque.

Desta maneira, a Audiencia Nacional puxo en "dúbida" a versión ofrecida por Juan Padín, o patrón do pesqueiro, indicando que a velocidade do buque ás horas da traxedia "suscita dúbidas" sobre a declaración do capitán acerca da parada dos motores por avaría como causa determinante da escora e posterior afundimento do barco.

A versión do capitán

Padín asegurou que sobre as 4 horas da madrugada parou o motor do barco. As condicións meteorolóxicas existentes nese momento determinaron a sucesiva entrada de auga pola aleta de babor, ocasionando cada vez maior escora.

Vista a situación, segundo o declarante, deu á tripulación o sinal de abandono do buque previa colocación do traxe de supervivencia e chaleco salvavidas. "Xa con todo colocado dispuxémonos ao arriado da balsa de babor", engade o capitán, que deixa encargado ao primeiro oficial. Namentres, el diríxese a arriar a balsa de estribor, na que embarcou tras conseguilo. A versión do sobriño, Eduardo Rial, foi moi similar.

A versión de Kwesi

Samuel Kwesi, o terceiro sobrevivente, explicou nun primeiro momento que ao pararse o motor o barco quedou a mercé das ondas, o que, unido ao peso do aparello, fixo que entrase moita auga e escorara cara a babor. Entón oíu ao capitán ordenar que subisen á ponte, o que fixo sen o traxe de supervivencia, ao non darlle tempo.

Con todo, nunha posterior declaración, deu unha versión "absolutamente distinta" dos feitos. Sinalou que o motor non se parou, senón que as maquinas que recollen o aparello deixaron de funcionar ben, tensando pero non recollendo e provocando a escora.

Por iso, gritáronlle ao capitán que soltase os aparellos, pero este negouse. Despois, co buque moi ladeado, parouse o motor e incrementouse a escora de babor. Samuel subliñou que en ningún momento o capitán deu orde de poñer os traxes de supervivencia aínda que el e o seu sobriño si os levaban, o que lle sorprendeu. Finalmente, esa noite faleceron 21 dos mariñeiros que traballaban no barco.

As demandas das familias

Pola súa banda, as familias dos 21 falecidos emprenderon a súa propia loita para tratar de convencer ao Goberno da necesidade de baixar ao pecio do 'Pitanxo' a buscar pistas do que puido pasar na madrugada do 15 de febreiro.

Nos últimos días deron a coñecer que presentaron querelas criminais contra o patrón, o seu sobriño e a armadora do buque, Grupo Nores de Marín, por 21 presuntos delitos de homicidio por imprudencia, delitos graves contra a saúde dos traballadores, falsidade documental e encubrimento.

"Cremos na xustiza, no que investiga a Garda Civil, en que se está levando todo a cabo de forma rigorosa", destacou nos últimos días a portavoz dos familiares e filla dunha das vítimas, María José de Pazo.

Este sábado os familiares volveron cargar intensamente contra o Goberno central polo envío do buque oceanográfico 'Vizconde de Eza' a realizar prospeccións pesqueiras á mesma zona na que afundiu o 'Pitanxo', pero sen os instrumentos necesarios para baixar ao pecio.