O xuízo polos bens do pazo de Meirás decorrerá do 30 de xuño ao 1 de xullo

Vista do complexo de Meirás. (Foto: Europa Press)
O Xulgado de Primeira Instancia 1 da Coruña ordenou que as partes presenten os seus peritos e testemuñas na vista para dirimir a propiedade dos bens do pazo de Meirás, que se desenvolverá o 30 de xuño e 1 de xullo.

Ás 9.30 horas da mañá do 30 de xuño comeza no antigo edificio da Audiencia Provincial da Coruña a vista para determinar os bens que forman parte do pazo de Meirás, que se estenderá até o día seguinte, 1 de xullo, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza.

A letrada do Xulgado de Primeira Instancia 1 da Coruña ordenou na dilixencia, contra a que é posíbel presentar recurso, que se cite a testemuña e os peritos propostos pola familia do ditador Francisco Franco.

Ao tempo, tamén se reclama ao Concello de Sada que presente o seu especialista e testemuñas, así como ás demais Administracións públicas implicadas no proceso xudicial.

O xuízo oral, que fora fixado para o 22 de outubro de 2021, atrasouse primeiro a novembro, cando se marcou unha nova data para xaneiro de 2022.

Este adiamento foi solicitado tanto pola Administración Xeral do Estado como pola Xunta da Galiza, ao non entrar no xulgado até o 4 de xaneiro o informe pericial da familia do ditador español.

Até o de agora, dos bens catalogados o Estado xa reclamou 133, mentres que 55 forman parte do litixio.

Ademais, a Xunta comunicou ao Goberno estatal que 49 bens máis terían que estar catalogados como Ben de Interese Cultural, solicitando ao Estado que os inclúa no proceso xudicial.

Namentres, o Concello de Sada sostén que todos os bens desde a época de Emilia Pardo Bazán no pazo até a morte do ditador son de titularidade pública.