O xulgado deixa que entren os peritos dos Franco a Meirás

A xustiza accede á petición para avaliar os bens realizada pola familia do ditador. 
Primeiras visitantes a Meirás o pasado 4 de xullo (M. Dylan / Europa Press).
photo_camera Primeiras visitantes a Meirás o pasado 4 de xullo (M. Dylan / Europa Press).

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou requirir ao Estado español para que facilite o acceso a todas as instalacións interiores e exteriores do Pazo de Meirás a dous peritos designados pola familia do ditador.

Desta maneira, estimou positivamente a petición dos Franco para que os seus peritos accederan ao inmóbel e realizasen unha "análise técnica" dos bens móbeis, segundo recolle o decreto asinado pola letrada de Xustiza esta segunda feira. 

Petición realizada pola familia do ditador

Esta decisión responde o escrito presentado polos Franco no que argumentaban que o seu obxectivo era poder facer unha pericial que inclúa unha análise dos bens móbeis "e o destino ou utilidade conferidos".

Desta maneira, consideraban "imprescindíbel" que se autorizase a entrada ao pazo para examinar no mesmo lugar os mesmos. 

A disputa pola propiedade dos bens que segue a gardar o pazo de Meirás, que a familia do ditador Francisco Franco quere retirar -mesmo as estatuas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán-, está máis perto de solucionarse unha vez que a xustiza desestimara o recurso interposto pola familia Franco contra a suspensión das actuacións no complexo.

O xulgado coruñés citou a todas as partes que se presentaron como afectadas neste conflito, é dicir, os Franco e distintas Administracións públicas, para o vindeiro día 22 de outubro. 

Novo xuíz

O xulgado que leva o caso conta cun novo maxistrado titular. É o terceiro xuíz que se encarga deste tema desde que se iniciou o proceso polo que o Estado español pasou a recuperar a titularidade do inmóbel. O novo xuíz é Francisco Javier García  Aponte, que procede do Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, con competencia en asuntos de violencia contra a muller. O maxistrado pasou antes por Córdoba e Sabadell.

Comentarios