O crime de Samuel Luiz será xulgado con xurado popular

Amizades de Samuel Luiz no decorrer da concentración na Coruña. (Foto: M.Dylan / Europa Press).
Os catro investigados adultos comparecerán esta quinta feira no xulgado para coñecer o delito que se lles imputa.

A titular do Xulgado de Instrución número 8 da Coruña emitiu un auto no que decreta que o procedemento polo crime de Samuel Luiz, ocorrido na madrugada do 3 de xullo, se rexa pola Lei Orgánica do Tribunal do Xurado.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), esta decisión adóptase debido ao tipo de delito que se lles imputa aos investigados, "homicidio ou asasinato, a determinar ao longo da instrución", precisa o alto tribunal.

Esta quinta feira, a partir das 10 horas, foron citados os catro investigados maiores de idade, así como as partes interesada no caso, para asistir a unha comparecencia "na que se concretará a imputación, tal e como require o artigo 25 da Lei Orgánica do Tribunal do Xurado".

Principais sospeitosos

Trátase de tres homes -en prisión provisional- e unha muller, en liberdade con cargos. Xunto a eles, foron detidos outros dous mozos que, pola súa idade, permanencen nun centro de menores.

No caso dos primeiros e, en concreto, dos dous principais sospeitosos, a Policía confirmou que as probas de ADN, practicadas no corpo da vítima, na súa roupa e nunha botella que, segundo explicaron, usaron contra Samuel, "implícanos directamente" nos feitos.

En canto á muller, atribúenllle un papel de "encubridora". Aos investigados, con idades entre os 16 e os 25 anos, os investigadores considéranos autores dun delito contra a integridade física consumado e outro en grao de tentativa, pola agresión sufrida neste caso por Ibrahima, un dos dous senegalés que tratou de auxiliar ao mozo falecido.