Xuízo do Alvia

Xuízo do Alvia: Vítimas consideran que "seguramente unha chamada corporativa do seu xefe" determinou o "xiro de guión" do fiscal

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que se está a xulgar o accidente do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Critican que o fiscal traslade que "unha catástrofe desta magnitude" depende só da comunicación entre o maquinista e o interventor.

A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia respondeu á intervención do fiscal hoxe no xuízo ironizando con que "seguramente unha chamada corporativa do seu xefe foi a causa directa" do seu cambio de postura, ao retirar a acusación ao ex director de seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, pola análise de riscos da liña na que morreron 80 persoas e 145 resultaron feridas.

Nun comunicado baixo o encabezado O caso Alvia, a maquinaria do Estado e as chamadas que o cambian todo, a plataforma critica que o fiscal retirase esa acusación -mantena contra o maquinista- e engade que, pola súa banda, "RTVE continúa a censura", en referencia ao documental sobre o sinistro ferroviario.

"Fanse 10 longos anos loitando por destapar todo o que hai detrás desta traxedia, esixindo que se depuren responsabilidades a todos os niveis, pelexando contra as institucións implicadas e contra o propio Estado, que empregaron todos os seus medios para ocultar as neglixencias e os incumprimentos da normativa que hai detrás do desastre da traxedia", advirten as vítimas na nota de prensa.

Após coñecer esta terza feria a que denominan "última manobra orquestrada pola Fiscalía", pola retirada da acusación contra Adif "sen ningunha razón de peso, xa que durante a fase oral viuse con máis claridade os incumprimentos normativos de seguridade", censura que esta cuarta feira o  fiscal afirmou que a chamada que atendeu o maquinista "é a única causa do accidente".

"O fiscal dinos á cidadanía que o que se produza unha catástrofe desta magnitude nun tren de alta velocidade depende de se se fai esa chamada ou non. A explicación deste xiro de guión é sinxela, o fiscal, cuxo xefe é nomeado polo Goberno, estaba a acusar a un organismo (Adif) que pertence ao Estado, e ao que precisamente defende a propia Avogacía do Estado, cuxo xefe tamén é nomeado polo goberno", destaca.

Neste sentido, afirma que "seguramente unha chamada corporativa do seu xefe foi a causa directa deste cambio do fiscal, e de que hoxe -por esta cuarta feira- en sede xudicial dixese aos presentes que 'probablemente' non conseguiu '' trasladar por que 'antes dicía unha cousa e agora outra', e engadiu 'que lle custou facelo".

"Unha vez máis, o Estado volve á casa de saída, ao pacto da curva dos diferentes gobernos para sinalar ao maquinista como único culpábel, o que desbaratou a Unión Europea", advirte a plataforma.

Segundo indica, "a maquinaria do Estado veu traballando ao longo destes anos de diferentes maneiras". Así, "a nivel xudicial viviuse a ocultación e demora na entrega de documentos, o cambio do xuíz por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, a imposición de peritos pola Xunta, a inacción dos fiscais, etcétera", enumera.

"Os diferentes Gobernos non cumpriron coa obriga de levar a cabo unha investigación técnica independente tal e como veu reclamando a Unión Europea. Se han abertos procedementos de infracción por incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria e constatamos as presións á Unión Europea para impedir a publicación do informe", prosegue.

As vítimas sinalan que "durante anos o Estado traballou para eximir a responsabilidade de quen foron neglixentes, tratando por todos os medios de botar toda a culpa ao último elo da cadea, o maquinista, evitando calquera tipo de responsabilidade e contaminando á opinión pública".

"Proba irrefutábel de todo iso" é ao seu xuízo "que a televisión pública censura o premiado documental Frankenstein-04155 que unha produtora independente fixo sobre a traxedia".

Respecto diso, informa de que o outubro pasado a actual presidenta de RTVE, Elena Sánchez, "comprometeuse por escrito a visionar xunto ao comité de dirección de RTVE o documental e a trasladar a súa decisión". "A decisión é clara se temos en conta quen propón e elixe o comité de dirección: censurar a súa emisión e que a opinión pública coñeza só a 'verdade oficial'. Seguramente se produciu algunha chamada corporativa", conclúe.

A sexta feria, dia 23, esta plataforma concentrarase ante RTVE para denunciar "todas estas manobras" e entregará máis de 70.000 firmas a Elena Sánchez e ao comité de dirección para que se emita o documental.