O xuízo aos '9 da Casa Cornide', adiado polos protocolos da Covid

Acto de ocupación simbólica da Casa Cornide, en setembro de 2017.
Pasados xa tres anos desde a toma simbólica da Casa Cornide por activistas do BNG, o xulgado de instrución 4 da Coruña volveu suspender esta quinta feira a vista oral na que debían declarar, despois de ter sido denunciados pola familia Franco, propietaria do inmóbel. 

Desta vez, o motivo do aprazamento é a imposibilidade de cumprir co protocolo de prevención da Covid-19, dado o elevado número de partes no procedemento e das dimensións da sala de vistas, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. 

Porén, a vista xa sufriu outras dúas suspensións a petición da familia que presentou a querela, a primeira en xullo de 2018 e a última, en novembro do ano pasado.

A razón, a petición do neto do ditador, Jaime Martínez-Bordiu, promotor do proceso xudicial, de penas máis elevadas das que a Fiscalía solicitaba para as nove persoas que naquela data subiron á varanda do edificio e despregaron unha faixa coa lenda "Que nos devolvan o roubado. #FranquismoNuncaMais".

Armando Carril, Manel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira enfróntanse a unha petición de multa por un delito leve de coaccións, que a acusación pretendía elevar, en cada caso, até os nove anos de prisión e 24.000 euros de multa, polo que consideraban delitos de odio e contra a honra e de violación de morada, unha aspiración que foi desmontada pola Audiencia coruñesa, que desestimou o recurso dos herdeiros de Franco.

Coincidindo co xuízo estaba prevista para onte xulgados coruñeses unha concentración en apoio das e dos denunciados, que se suspendeu pola notificación do xulgado para volver adiar a vista.

Aquela reivindicación na propiedade dos Franco produciuse só unhas semanas despois dun acto similar no pazo de Meirás, do que a Xustiza vén de declarar a súa condición de patrimonio público