Xuízo do Alvia

O interventor do tren, sobre a chamada ao maquinista antes do descarrilamento: "Non sabía que existía esa curva"

O interventor Antonio Martín Marugán, á súa chegada á quinta sesión do xuízo do Alvia. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
Antonio Martín Marugán declara esta cuarta feira na quinta xornada do xuízo polo accidente do tren Alvia e defende que, se soubese naquel momento das consecuencias, "non faría esa chamada" ao maquinista nos instantes previos a alcanzar a curva de Angrois.

O xuízo polo accidente do tren Alvia 04155, ocorrido na curva do barrio compostelán de Angrois o 24 de xullo de 2013, proseguiu esta cuarta feira coa quinta xornada, na que está citado a declarar Antonio Martín Marugán, o interventor de Renfe que mantivo unha conversa telefónica de 100 segundos co maquinista, Francisco José Garzón, xusto antes do descarrilamento.

A chamada, que foi negada até "dúas veces" polo propio Marugán nas súas primeiras declaracións ante a Policía Nacional —segundo asegurou esta terza feira o axente que exerceu como secretario durante a instrución do atestado— converteuse xa nunha das chaves desta 'macrocausa'.

Esta cuestión saíu no xuízo xa o 6 de outubro, durante a segunda xornada, na que o maquinista prestou declaración ante a xuíza Elena Fernández Currás. Garzón alegou que esta conversa telefónica, que —tal e como defende— estaba obrigado a responder, provocáralle unha perda da "conciencia situacional", un concepto incorporado á causa pola experta en erro humano Pilar Calvo, que elaborou un dos informes periciais que no seu día achegou durante a instrución.

Na súa intervención desta cuarta feira, Marugán afirmou que coñecía o maquinista e que mantiña unha "boa relación" profesional con el, ao tempo que xustificou a chamada alegando que pretendía "facilitar o paso ao baixar ao andén" a unha familia que baixaba en Pontedeume, onde "hai dúas vías de entrada e pola que os trens entran habitualmente non hai andén", polo que solicitaba información sobre por cal entrarían con esta "chamada de servizo".

"En Santiago tiña máis cousas que facer e nese momento non tiña nada", defendeu, preguntado sobre por que fixo nese intre a chamada e non ao chegar o tren á capital galega. "Se soubese as consecuencias non faría a chamada", engadiu, e precisou que o maquinista "podía atendela ou non".

"Vostede considera procedente esa chamada?", preguntou unha das acusacións particulares. "Eu sei que estou perto [de Santiago, dado que pola megafonía xa se dera o aviso], mais non sei se esa curva [a de Angrois] existe ou non", contestou.

"Non ocultei nada"

Ninguén comentara á Policía Nacional que se producira esa chamada, nin nos momentos posteriores ao accidente, nin nos días seguintes, tal e como declarou o axente secretario da instrución como testemuña.

Segundo este policía, tiveron constancia da conversa o día 31 de xullo de 2013, unha semana despois do sinistro, tras analizar o rexistro telefónico dun dos tres móbiles que lle incautaron ao maquinista. Até entón, ningún dos que prestaran declaración na elaboración do atestado a mencionara e, mesmo, o interventor negárao "dúas veces".

Preguntado sobre esta cuestión, o interventor, Antonio Martín Marugán, defendeu que cando foi abordado por primeira vez polas autoridades en relación ao sinistro non lembrou aquela chamada. "Non teño ningún interese en ocultar nada, non me acordei. Esquecinme. A miña cabeza, como vostede entenderá, 48 escasas horas após estar no lugar do accidente...", dixo esta cuarta feira diante da maxistrada.

Pola súa parte, o exdirector de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte, que declarou como segundo acusado o día 13 de outubro insistindo na responsabilidade do condutor, cualificou de "impensábel" descolgar o teléfono e falar durante 100 segundos. "Iso non pode facelo, é que é ilegal facelo", esgrimiu. Garzón e Cortabitarte enfróntanse a catro anos de prisión por 80 homicidios e 145 delitos de lesións por influencia profesional grave.